Juan Blanco:”Foron tres anos de traballo moi intenso”// Audio
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, encara o treito final da súa primeira lexislatura no goberno, coa satisfacción de que «foron tres anos de traballo moi intenso» nos que «demos entrada aos veciños para que participaran na xestión do concello día a día». Deste xeito, segundo o rexedor, «a vida política pasou a ser de todos».
«Deixamos un listón moi alto que hai que manter»
En declaracións ao noso xornal, Blanco salientou a renovación realizada dentro do concello «no xeito de traballar»,a labor moi forte para a integración de asociacións, ou «o impulso ao sector gandeiro, ao turismo e as pequenas empresas».
Outras cuestións importantes son a xestión da auga ou das novas normativas que «van incidir no futuro e a marcar a diferenza con outros concellos da contorna». Tamén puxo en valor a promoción e «a presenza de Mazaricos que antes non existía». Para o alcalde, todo isto «aumenta o nivel de esixencia, porque «marcamos un antes e un despois na forma de traballar e deixamos un listón moi alto que hai que manter».
Prioridades do concello de Mazaricos
Agora mesmo as prioridades do concello de Mazaricos son «rematar as obras pendentes do POS 2018, deixar zanxada a parte do abastecemento e ir marcando a tendencia futura».
Nesas previsións non se esquece do envellecemento da poboación e da necesidade de manter os servizos e fomentar o asentamento de xente moza. Outro obxectivo é «fortalecer aínda máis o sector do turismo».