Representantes de quince establecementos da comarca de Compostela recibiron os diplomas que acreditan a súa formación no Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destino, SICTED.
O acto foi presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que estivo acompañada pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose; e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Antes da entrega de diplomas celebrouse unha andaina pola contorna da Fervenza de Castriz.
A directora de Turismo de Galicia. Nava Castro animou aos profesionais a seguir apostando pola calidade e ir un paso máis alá comprometéndose en traballar por un turismo sostible, “tanto no eido medioambiental, como no social e no económico”. O obxectivo, mantivo, é “ser cada día máis competitivos facendo de Galicia todo un referente en calidade e sostibilidade nun mercado tan globalizado”.
Os establecementos
Os establecementos que hoxe recibiron os diplomas SICTED son Casa Abelleira e Hotel Payro, de Ames; Apartamentos A Carballeira do Tambre e Pazo de Cores, da Baña; O Balado, de Boqueixón; Hotel Balneario Compostela e Balneario Compostela, de Brión; Casa Barqueiro, de Negreira; Casa do Ghabino, Talladas Gastrobar e Hotel Xallas, de Santa Comba; Moradas do Ulla, de Teo; Casa Paramos, de Val do Dubra; e Pazo de Vista Alegre e Pazo Cibrán, de Vedra.
O SICTED é un sistema impulsado pola Secretaría de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e inclúe a todos os profesionais vencellados ao sector para que, de forma conxunta e homoxénea, traten de aumentar a satisfacción dos viaxeiros nun determinado destino.