Co auditorio Abanca de Santiago cheo e con xente agardando na rúa, Ana Pontón, foi presentada como aspirante á presidencia da Xunta de Galicia.
E lanzou unha mensaxe ambiciosa e moi optimista, co obxectivo de que ser unha presidenta nacionalista sen máis obediencias que ás galegas e galegos.
“Quero dirixirme a esa maioría social para dicirlle que vou ser a súa candidata, a candidata desa maioría que ama este país, que sabe que o desenvolvemento económico e social non pasa por máis submisión a Madrid, senón por máis Galiza. Quero ser a candidata da Galiza dinámica e traballadora, que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos en nós mesmas e non nos resignamos á lenta decadencia á que nos condenan as políticas centralistas. A esa maioría quero dicirlle que ten sólidos motivos para confiar e ilusionarse co BNG” manifestou Ana Pontón.
Na súa intervención, insistiu en que non chega con derrotar ao PP para limitarse a ser “unha alternancia do bipartidismo español” senón que o BNG sexa a forza referente do cambio.
“Sabemos de onde vimos e sabemos cara onde queremos ir, os galegos e galegas poden confiar no Bloque porque temos un proxecto de país solvente, autocentrado e inclusivo, e capacidade para levalo adiante. Sabemos gobernar” dixo.