Apróbase a declaración de uso preferente do galego, ante as críticas de Partido Popular e PSOE, que se abstiveron. Compromiso por Galicia e o BNG votaron a favor.
Adaptación do regulamento que existía
A iniciativa de Compromiso por Galicia logrou aprobarse co apoio do BNG e coa abstención de PP e PSOE. Segundo a alcaldesa, María Xosé Alfonso Torres(CxG) o obxectivo fundamental é adaptar o regulamento que existía a normativa posterior, en determinados aspectos como a “non utilización dunha lingua sexista” ou recoller outros aspectos da normalización do idioma.
PP e PSOE critican a iniciativa de Alfonso
Para a popular Inés Monteagudo “non é unha cuestión prioritaria, porque o uso do galego xa está normalizado no concello” e recriminou ao goberno de Compromiso por Galicia “actuar pola súa conta” e “gobernar cara á galería con actuacións cosméticas”.
Aínda máis críticas foi a voceira do PSOE, Caridad González que advertiu que este novo regulamento podería ser “anticonstitucional” e se ben apoiou o fomento do galego opúxose a “que se recorten dereitos” as persoas que queiran expresarse en castelán, como por exemplo na atención telefónica.”Esta é unha forma velada de prohibir o uso das dúas linguas e nós queremos que haxa liberdade” sinalou González Cerviño.
Compromiso e BNG votan a favor
O voceiro do BNG, Manu García lamentou que o regulamento non “fora pactada” pero expresou o seu apoio a proposta. Dixo sentirse “atónito” pola intervención “reaccionaria” do PSOE.
A alcaldesa galeguista de Muros aclarou que “non se vai a prohibir nada” e ante preguntas do PP, informou que non existe memoria económica no documento porque “non hai ningunha repercusión económica prevista a curto prazo”.