Coristanco conta cun bo número de mostras de arte relixioso, onde destacan varios templos parroquiais, pero tamén ten santuarios ancestrais que figuran en guías diocesanas e outros estudos. Romaxes populares onde se levan a cabo desde fai séculos, en moitos casos antes mesmo do cristianismo ritos que son un tesouro etnográfico, como o son as cantigas e lendas vencelladas a elas. Por exemplo no moi citado «Santuarios de Galicia» de Juan José Cebrián Franco dentro dos santuarios relevantes da diocese de Compostela aparecen varios deste concello, dentro do vedraño arciprestado de Bergantiños, de forte raigame céltica. Entre os grandes santuarios diocesanos o autor adica un capítulo a San Antonio de Agualada e outro a Santa Ana da Rabadeira (Seavia).
San Lourenzo da Agualada
San Lourenzo da Agualada é unha parroquia que se localiza no oeste do concello, con algo máis medio milleiro de veciños. Desta parroquia é a nai do galeguista Arturo Cuadrado e nela tamén viviu este exiliado na Arxentina xa finado e a quen coñecín e tratei en Bos Aires. A súa feira e a súa situación de encrucillada marcan o lugar, pero tamén é celebre a súa festa de San Antonio (13 de xuño) , na igrexa parroquial, unha das que abren a quenda estival. A igrexa estivo no actual cemiterio, pero o medre do lugar da Agualada levou a construción do novo templo inaugurado no 1910, sendo párroco don Ramón Aboy. Desde esa data a romaría cobrou un pulo notable, pola súa ubicación a carón da estrada comarcal. A confraría é de tradición barroca, polo tanto a festa pode proceder da época.
Foto Blog Galicia Pueblo a Pueblo
Os fregueses antes de 1936 viñan na véspera e pernoctaban no templo, con baile e música noite e día, como se facía noutros santuarios (o de San Roque e Guadalupe de Ponte do Porto, Santa Catalina de Armada). Concorren na devoción as tradicións de dous santos, san Antonio de Padua e san Antón Abade. Por iso é notable a asistencia de gandeiros con animais, pedindo a protección, aproveitando tamén os días de feira, no primeiro domingo de mes. Ademais intercede o santo na curación de doenzas, coller mozo ou moza, axuda na convivencia matrimonial, ou aprobar o carné de conducir.
Santa Ana da Rabadeira
Santa Ana da Rabadeira forma parte da parroquia de Seavia, e a festa ten lugar o día da Ascensión. A actual capela é de 1916, promovida polo recordado párroco Santiago Abuelo, e conta con retablos e tallas do século XVI. Pero, antes, o santuario coroaba un afastado monte nas lindes de Seavia e Couso, o que da idea da vellez da romaxe, polo que sería propio poñer en valor o punto orixinal do culto. Como ben di Cebrián «la veneración de santa Ana trató de cristianizar cultos a la maternidad» de orixe pagáns que se celebraban entorno a vella capela. A santa era levada en romaría da parroquial á capela, e celebraban centos de romeiros de toda a comarca a festa no monte.
O párroco e fregueses saían ao linde de Couso a recibiren aos romeiros desta parroquia coa cruz alzada. Santa Ana favorece a fecundidade e maternidade, e tamén a produción de leite no gando. Os fieis cobren a virxe con cintas pedindo auxilio, ou levan gando no transo de estaren fecundados arredor da capela. É irmá da santa da xalleira de Vilamaior, que se honra o mesmo día. Agora na véspera a santa sae da parroquial, recorre todos os lugares da parroquia ata chegar ao santuario, na estrada que comunica con Santa Comba.
Moitos destes santuarios, ao igual que a acción parroquial teñen que ver co pulo da abadía bieita de San Mamede de Seavia, da que xa falamos noutros artigos. Este importante cenobio medieval xa foi destacado por moitos estudosos. José Pumar Gándara recentemente nun artigo en A Xanela volvía a refrendar a importancia material e espiritual de Seavia comentando o libro «Costa da Morte, crónica marítima» (Lema, R. Galp). «Me cupo el honor de residir en la parroquia de Seavia. Dediqué tiempo a su historia. Me complazco en reconocer que coincido plenamente con lo que Lema Mouzo afirma en la página 90 sobre Seavia» añade o erudito. Na citada obra faise un extenso receso sobre a historia monacal, a súa importancia como promotor agrario, receptor e emisor de gran e a decadencia durante o reinado dos Reis Católicos cando el último abade Juan de Seavia renuncia e aproba a anexión a Pinario no 1499.