10.9 C
Santa Comba
sábado, marzo 23, 2024

O Coristanco de José Moar no 1920

Rafael Lema//

As terras de Coristanco aparecen durante o século pasado na obra de importantes autores galegos, ben dentro de descricións xeográficas, ben en obras literarias. Menos doado é encontrar vellos artigos xornalísticos dentro do xénero de «estudos de viaxes» que falen do concello, por iso é relevante unha reportaxe feita por un escritor galego fai agora un século, tendo en conta que a visita as nosas aldeas era toda unha aventura daquela, pois sacando da estrada comarcal por onde pasaba a carrilana, facíase en boa parte a lombo de besta. O arciprestado de Bergantiños, que abarca boa parte de Carballo e Coristanco, é o obxecto dun traballo costumista que atopamos e rescatamos do esquecemento, con motivo da peregrinación a Compostela en maio de 1920 destas freguesías co arcipreste José Carballeira ao fronte.

José María Moar en «El Compostelano»

O autor, José María Moar Fandiño, naceu en Santiago de Compostela en 1878 e finou na mesma cidade en novembro de 1934; foi un avogado, escritor e xornalista galego, vencellado coa comarca, como tamén o estivo o seu pai, neste caso por negocios. Participou na sección de literatura do Ateneo de Santiago e traballou durante un tempo na RAG. Dirixiu o efémero semanario El Ideal Campesino e colaborou en El Requeté, El Compostelano e Lealtad. Pois ben en «El Compostelano. Diario independiente de Santiago», Moar baixo e epígrafe «Estudios de viajes. El país de Bergantiños» emprega cinco columnas a describir a comarca en tres números do xornal. Sae o primeiro o mércores 26 de maio (nº 87), logo o xoves 27 (nº88) e o venres 28 (nº 89).

Versos de Pondal e viaxe por Bergantiños

Inicia Moar a viaxe co célebre poema do seu amigo Pondal (Aquel é a ponte Dona,/ Zreo, Xaviña e Valencia…) ofrecendo de xeito irónico unha carta ao director do xornal a modo de «descripción heterogénea», con «algo de costumbres» e «geología». Destaca que «Bergantiños viene a ser el granero de la provincia con su trigo de excelente calidad, que manda especialmente a la plaza de Santiago, y de ahí la fama del gramado y del mollete santiagueses». Fala da rotación dos cultivos, do monte que está sete anos a toxo, xesta, codeso e breixos, que logo rozan os labregos e plantan trigo. Usando toxos e codesos para o gando cabalar, sacando ademais boas colleitas de fabas e millo.

Define o val extenso e frutuoso coa propiedade menos dividida que noutras zonas, polo que a xente ten mellor porvir e emigra menos. Fala do traballo do natural que non ten «huelgos ni tiempo para enviciarse», véndoos como un exemplo racial e moral: «la emigración y las disipaciones, pues, no han degenerado esta raza de mujeronzas recias y bien plantadas como la Minerva de Ferreiro; de mozos bien trabados y roblescos como nuestra estatua de Méndez Núñez, obra de Sanmartín».

«El carácter moral de esta raza tiene cierta pasividad y ternura propias de quienes no han visto felizmente más solar que el de sus progenitores» recalca o curioso viaxeiro. E de novo reproduce un poema completo do bardo: «Ou terra de Bergantiños,/ roxa ao arar, nobre e testa». «Guardan los campesinos bergantiñanes para encubrise mutuos una solidaridad casi de masones, contestan con preguntas las preguntas», e teñen «la sorna, la prudencia célticas» destaca o reporteiro.

Referencias a Coristanco

Describe o arciprestado, «antigua jurisdicción…que extiende su término, como una alfombra de esmeralda, por el Norte de la provincia coruñesa. Ocupa 22 km de largo por 11 de ancho en la costa cantábrica». Cita a «Seavia, antigua jurisdicción cuyo juez nombraban con otros, las monjas de Antealtares; San Pelayo de Coristanco, de la antigua jurisdicción de Mens»; Erbecedo, cuio xuiz nomeaban o conde de Graxal, os Baamonde e Quiroga. Describe o Anllóns que ofrenda lampreas, salmóns, troitas, anguías. San Martiño de Oca «rica en priscos, abridores y duraznos».

A ponte Lubián, no camiño da Coruña a Muros, Corcubión e Camariñas. Cita «el excelente lino del más feraz y frondoso llano bergantiñano: Santa María de Traba» ao E. do Anllóns «y á la margen, por las flores embellecida, del puente dicho». «Al S. del pico de Bubela (de 451 metros) se asienta San Mamed de Seabia. Su antiguo monasterio de benedictinas, de que se conservan algunos vestigios, se unió al de San Pelayo de Antealtares, que ejerce el patronato» incide sobre o valor do lugar. E resume esta parroquia de monxes: «En las vertientes ásperas que separan de Jallas este país, pacen la inmensurable verdura, greyes vacunas sin cuento, y en las dos explanadas que hay en la parroquia, hincha su grano, el trigo rey de la tribu espigada».

Dilixencias pola bisbarra de Bergantiños 

Moar foi un gran viaxeiro polas congostras galegas, algo que lle ven de familia. O seu pai José Moar en 1890, xunto a burgueses de Corcubión, foi un dos promotores da primeira dilixencia que unía a zona coa capital. Por Coristanco pasaban esas carrilanas en boa parte pola vella estrada que une a costa coa Coruña e cita Moar. La Lealtad era o nome da carrilana, que logo Moar novo conservará nun xornal do mesmo nome. Un fisterrán indiano, o escritor Alberto Insua, no primeiro tomo das súas memorias di «Mi primer viaje a Corcubión, en diligencia desde La Coruña exigía varias horas de marcha, con cambio de tiro en Arteijo, Carballo, y Vimianzo…altos árboles, hondas tierras de sembradura, cerros suaves, prados en que iba evaporándose la niebla, yo lo aspiraba y olía antes de verlo…en Corcubión aparecía la Historia y el Prodigio».

A dilixencia La Lealtad que atravesaba Coristanco cara a Coruña, na que foron Moar e Insua, foi creada no 1890 por un grupo de emprendedores corcubioneses: Paulino Verea Quintana, Anselmo Barrientos, Manuel Pomiano Carranzo, Manuel Miñones Barros, Francisco Ramón Caamaño, Juan Díaz Fernández, Clemente Lastres, José Moar Porto, Ramón Pais Mariño, «que se tomaron la iniciativa para poner fin a un estado de cosas verdaderamente lastimosas…para hacer el viaje con comodidad, prontitud y apacible…».

José María Moar Fandiño, o fillo do Moar da carrilana, estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, foi terciario franciscano e carlista. Profesor de historia da Escola Normal de Santiago de Compostela, na República foi retirado do ensino concedéndolle o retiro forzoso. Ademais da súa faceta xornalistica escribiu: El absentismo y la escuela, 1907; El trabajo manual educativo; Medios para implantarlo de un modo eficaz en las escuelas de Primera Enseñanza, 1907; Apuntes biográficos de Don Juan Ignacio de Armada, Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, 1911; De pedagogía, 1912. Casou con María V. Arias Carvajal.

FOTO MOAR- Blog http://xolismoar.blogspot.com/

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos