Rafael Lema// Coristanco conta con recursos para a súa promoción turística e o Concello trata de aproveitar distintas plataformas para a súa posta en valor como é a sección de turismo que temos habilitada nesta web.
. Outra delas ven da man do GDR Costa da Morte que realizou un atractivo folleto promocional co epígrafe «Coristanco é Costa da Morte» onde destaca as fortalezas e potencialidades do «veRxel de Bergantiños», con información detallada, mapas, rutas e abundancia de imaxes gráficas. Uns elementos promocionais moi demandados en citas como a presente feira Fitur.
DESCARGAR FOLLETO
Neste traballo divulgador fálase do rico patrimonio natural e cultural de Coristanco, citando a relevancia dunha Historia de seu, onde destacan os importantes descubrimentos no xacemento paleolítico de Alcaián, a cista de bronce de Pedra Marrada en Seavia, a riqueza megalítica (dolmens e mámoas dos montes do Lume e Medoña, Rato) e castrexa (Oca, Ponte Xionlla, Lume de Suso, Portal, Cotón de Santa Cecilia, Vilar, As Picúreas, As Croas). A relevancia da arte relixiosa, desde a abadía de Seavia ao peculiar barroco (Cereo, Castro, Traba), os pazos (Cereo Vello, A Ponte, Nogueira, Ferreiro), os hórreos do tipo Coristanco, fontes, muíños. A Ponte Lubiáns merece un epígrafe especial, igual que a Torre de Nogueira, que falan dunha terra de camiños reais e señores.
O patrimonio natural é posto en valor, nunha terra fértil chea de regos de auga, bosques e prados, e fauna autóctona que o fan tamén un paraíso da caza e a pesca. Destacan o refuxio de Verdes, e o ecosistema da Lagoa de Alcaián, con especies de gran valor ecolóxico (drosea rotundifolia, drosera intermedia), plantas insectívoras en perigo de extinción ou endemismos ibéricos (narcissus asturiensis, turberaria globulariefolia, myrica gale).
Por suposto non falta información das ancestrais festas onde o fervor relixioso mestúrase coas ganas de pasalo ben: o Corpiño de Oca, San Antonio da Agualada, Santa Ana da Rabadeira. E como non, «A Festa da Pataca», un evento consolidado a nivel galego que honra un froito que sacou da fame a moitas xeracións de galegos e é base dos pratos máis representativos da nosa gastronomía, tanto acompañando a produtos da terra como do mar.
O concello de Coristanco é coñecido como «a terra da pataca«, e está incluído na Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Celébrase a festa o terceiro domingo de setembro, con concursos gastronómicos, desfile de tractores engalanados, degustacións, xogos tradicionais, unha feira cabalar e a feira de maquinaria agrícola.