11 C
Santa Comba
viernes, marzo 22, 2024

Cereo, terra de todo pan e camiño real dos arrieiros

Rafael Lema// (Coa colaboración do concello de Coristanco temos unha sección sobre este municipio «Turismo Coristanco» )

Santa María de Cereo é unha parroquia singular de Coristanco, «tierra de todo pan» segundo Jerónimo del Hoyo (1607), ou sexa produtora de todo tipo de cereal; hórreo dos condes de Altamira para suministrar as armadas das especies ou a Invecible, e cantada por Pondal (aquela é a ponte Dona/ Zereo, Xaviña e Valencia,/ Corcoesto e Santa Baia,/ todas, todas, boa terra). A referencia a ponte Dona lévanos a apuntar outra característica, a de ser paso da ruta dos arrieiros entre Xallas (Couso, Esternande, Castriz, Santa Comba) e os portos bergantiñás. Por este camiño real saían as olas de Buño, o peixe, area e sal da costa e as mercadurías ultramariñas. A ponte Dona foi erguida en 1839 pero sobre un paso vello. Por suposto tamén conta cun rico legado patrimonial nunha historia vencellada a Verdes e San Xusto.

No século pasado houbo unha batalla aérea en plena Segunda Guerra Mundial sobre os ceos de Coristanco. O 20-8-42: tras combate sobre Malpica, un avión inglés foi alcanzado e entra terra adentro, cae en Vilaverde de Cereo en Coristanco, o mesmo día que un avión alemán dá en punta Langosteira. O inglés foi derrubado, con sete mortos, enterrados en Xornes pola negativa do crego de Cereo, logo foron trasladados ao seu país.

Temos falado noutras liñas do barroco de Coristanco e o labor expansivo da abadía de Seavia, gran centro artístico bergantiñán. O barroco en Coristanco ten moito que ver co medre das terras de cereal, o trigo e o millo americano, que ergueu pazos, casas grandes, capelas e igrexas. A arquitectura relixiosa en Coristanco conta con varios monumentos barrocos cunha tipoloxía extendida en todo o municipio, cun estilo que foi eliminando as vellas igrexas medievais.

Un modelo conformado pola capela maior na cabeceira, planta rectangular e algún volume adicional nos laterais, xeralmente máis estreita que a nave central e á que se accede a través dun arco triunfal. A sacristía soe ser ampliación nun lado da capela maior, e o sistema de cubrición de tella curva a dúas augas. San Adrián de Verdes e San Xulián de San Xusto son exemplos de sinxeleza, onde destacan os campanarios e o arco triunfal de medio punto de San Xusto.

A fachada concentra a decoración na de Santa María de Cereo, cunha torre de considerables dimensións, de planta cadra e tres corpos. A igrexa parroquial de Santa María de Cereo foi reconstruída en 1868, pero conserva un fermoso e singular retablo barroco do século XVII, cargado de rica imaxinería de escultores galegos da escola compostelana con ata nove santos representados entre columnas salomónicas rodeadas de vides. Ademáis dos dous altares colaterales barrocos. É un edificio de planta rectangular, con dous corpos en dous ventos, un como capela e outro de sacristía. Os muros son de cachotería con perpiaños regulares nas esquinas. A fachada está composta pola porta principal, unha fornela, un oco radial en medio círculo e a alta torre.

O pazo Caamaño de Cereo Vello conserva entre dous pináculos barrocos unha pedra de armas co emblema dos Manueles, descendentes do infante Xoán Manuel, á súa vez descendente de Afonso X o Sabio. O escudo é cuartelado con dous leóns rampantes con dous brazos armados. Consérvanse tamén os emblemas doutras familias nobres de Bergantiños, como os Vilardefrancos e os Pardiñas. Preto da igrexa está o pazo dos Pardo. Outros dous pazos preto da parroquia son o de Ferreiros, que pertenceu a un descendente de María Pita, e o de Ponte en Verdes, que conserva restos dunha torre con pequenas garitas e unha gran muralla arredor da construción.

Hai restos megalíticos no concello, restos dunha cista en Vilaverde. A partir do século VI a. C. chegou a cultura galaica dos castros traída polos ártabros. Na zona establecéronse os Brigaecini, nome céltico, que deron nome á comarca. Consérvanse oito castros catalogados en Coristanco entre eles o Castro Redondo ou Portal (A Cruz de Agrelo-Cereo), onde apareceron restos de tégula e un cacharro de barro. Na agra da Condomiña tamén hai restos de tégulas galaico-romanas.

Santa María de Cereo é unha parroquia que se localiza no norte do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o padrón municipal de 1999 tiña 468 habitantes e foi baixando ano a ano. Segundo o IGE, no 2016 a súa poboación descendera ata os 290 habitantes, sendo 133 homes e 157 mulleres. O río Anllóns serve de linde, xunto co pequeno Lodeiro durante case 4 km. Os lugares da parroquia son: Cereo Vello, O Cotón, A Cruz de Agrelo, Fonte Lamela, Gulúa, A Hedrada, Lodeiros, Ponteciñas, Pousada e Vilaverde.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos