10.1 C
Santa Comba
viernes, marzo 22, 2024

O cruceiro de Oca, a mestría dos vellos canteiros

Rafael Lema. Sección #TurismoCoristanco. 

A arquitectura popular conta en Coristanco con abondosas mostras significativas. Hoxe imos a parroquia de San Martiño de Oca, onde podemos ver varios elementos singulares que ben poden representar os tipos máis significados neste eido, e son exemplos comarcais da destreza dos seus autores e mostras dun tempo pasado mais non esquecido. Ademais da igrexa parroquial, magnifico exemplo do barroco clasicista local, hai a nivel local exemplos da casa coruñesa cos seus anexos, da arquitectura de pedra seca, muíños, e cabazos do característico tipo Coristanco.

Nesta viaxe temos que mencionar a existencia dun pombal e un hórreo que comparten unha mesma finca pechada cun alto muro de pedra, cunha cronoloxía de 1902. O pombal repite o modelo típico de planta circular, con pezas de cantería encadeadas en torno a porta, cunha cuberta pétrea pouco usual pola pendente e un airoso remate moldurado con bóla. O hórreo longo e estreito, de nove pares de pes, mistura as formas dos tipos Fisterra e Coristanco.

O terceiro elemento singular en Oca vai centrar o noso artigo, o egrexio cruceiro do campo da festa, en bo estado de conservación, unha mostra do labor das vellas collas de canteiros bergantiñáns, os míticos arxinas ou pedreiros que labraban con tanta mestría a dura pedra gra da zona. É un ben de interese cultural catalogado pola Xunta de Galicia.

No campo da festa de San Martiño de Oca de Coristanco resalta este cruceiro de pedra de crucifixo con plataforma cuadrangular de talón invertido. O pedestal é cuadrangular moi moldurado e cunha grande escocia na que vemos gravados de cruces e medallóns con inscricións. Nunha temos a nova da súa data: «En 1880 Siendo…». Leva tamén unha mesa acaroada. Este pe é sen dúbida un dos elementos singulares da cruz, pola súa monumentalidade non hai outro semellante na contorna, e o mestre armou un tipo único, sen outro referente.

O varal é cadrado con chafráns comenzando en cadrado e cos paramentos recadrados. Ten os símbolos da paixón: coroa, escada, tenaces, martelo, tres cravos, dúas serpes e custodia.

O capitel ten un traballo de grande mestría, é cilíndrico con astrágalo circular e liso, ábaco de lados curvos e vértices achafranados, volutas, follas de «camelia» e unhas caras, marcando os catro ventos, sobre veneras estilizadas.

A súa cruz ven sendo de tipo circular, leñosa con nós. Polo anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza para adiante e vemos que lle falta a coroa de espiñas, pero cunha sinxeleza de liñas o mestre arxina deixounos unha figura humana, unha imaxe pietista chea de encanto popular pero tamén herdeira da nosa milenaria tradición. Ten un pergamiño coas siglas INRI e o un pano de pureza suxeito cunha corda.

Polo anverso da cruz aparece a Nai de Deus en actitude de orar cos dedos das mans entrelazados sobre unha peaña. Esta figura é outra mostra da plenitude artística do escultor, interpretando a tradicional imaxe gótica que tantos dos nosos templos perderon, cunha visión actualizada, do seu tempo, grave e tenra, e deixando para a posteridade unha das iconas máis fermosas da virxe dos cruceiros de Galicia.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos