Rafael Lema
Iglesia de Santa María de Traba
O románico e o barroco son os estilos máis relevantes das nosas igrexas do rural, mentres que tamén contamos con un singular gótico mariñeiro na costa. Coristanco garda elementos destes dous estilos, polo efecto expansivo desa gran abadía de Seavia, gran centro artístico bergantiñán. O barroco en Coristanco está ampliamente representado e ten moito que ver co medre das terras de cereal, o trigo e o millo americano, que ergueu pazos, casas grandes, capelas e igrexas.
A arquitectura relixiosa en Coristanco conta con varios monumentos dos séculos XVII e XVIII salientables, cunha tipoloxóa extendida en todo o municipio, cun estilo que foi eliminando as vellas igrexas medievais. Un modelo conformado pola capela maior na cabeceira, planta rectangular e algún volume adicional nos laterais, xeralmente máis estreita que a nave central e á que se accede a través dun arco triunfal; e algúns casos de planta de cruz latina (Agualada). A sacrista soe ser ampliación nun lado da capela maior, e o sistema de cubrición de tella curva a dúas augas. A decoración reservase para a fachada, na maior parte dos casos obra barroca, con torre campanario no centro, maís tamén no lateral. Nas igrexas de Coristanco e Seavia fican restos románicos; un barroco clasicista vémolo en Santa María de Traba, cunha fachada principal de distintos xogos de profundidade. O presbiterio ten elementos neoclásicos, e no interior hai fermosos retablos.
Barroca tamén é Santo Tomé de Xaviña, cun arco de ferradura na ábsida e un rico retablo. San Adrián de Verdes e San Xulián de San Xusto son exemplos de sinxeleza, onde destacan os campanarios e o arco triunfal de medio punto de San Xusto. A fachada concentra a decoración na de Santa María de Cereo, cunha torre de considerables dimensións, de planta cadra e tres corpos. San Martiño de Oca presenta unha curiosa verticalidade nunha serie de columnas dos muros; na estructura horizontal resalta o forxado do coro e a bóveda de canón. A igresa de Santa Eulalia de Castro destaca pola torre campanario no lado esquerdo da fachada, un torreón de planta cuadrada, coa parte superior rematada en balaustrada e cúpula. A fachada está moi ornamentada con elementos clásicos. A simetría e sobriedade das vellas igrexas marcan San Paio de Coristanco, e a proporción o campanario de Santa María de Ferreira. Seguimos o repaso polo barroco local con San Pedro de Valenza, da que temos a fachada principal e a espadana; e San Vicenzo de Cuns, coa espadana en corpo único finalizada por un estreito pináculo. Ao barroco sumamos os pazos de Cereo Vello, Ferreiros, e anexos na ampliación de Torre Nogueira.
A gran abadía benedictina de San Mamede de Seavia é o mosteiro más singular da comarca de Bergantiños. Xunto aos prioratos máis importantes de Nemancos como San xián de Moraime, San Martiño de Ozón e Santo Antoiño de Baiñas, están detrás da colonización e desenvolvemento agrario desta terra; e asemade todos vencellados, cunha rede de granxas e pequenos cenobios de orixe altomedieval que van de Camariñas a Malpica.
En Seavia a un dos lados da súa fachada ergue unha fermosa torre campanario de planta cadrada e varios cuerpos rematados por una cúpula. A igrexa de San Mamede de Seavia tamén conserva restos medievais, como os canzorros románicos do beiril dos muros laterais e un dos antigos rosetóns. A parroquia ten outros valores. Da época megalítica no Inventario de un patrimonio figuran tres mámoas; unha delas no Monte Campelo e as outras dúas na Chousa de Oca, na Rabadeira. Completarían este Inventario a capela de santa Ana, a capela de san Roque, as torres de Nogueira, a casa reitoral, o pazo de Arixón no Rodeiro e a fonte de san Mamede. E bens incluídos no PXOM serían: a capela do Rosario (nas Salgueiras), dous cruceiros (Seavia e a Rabadeira), a escola de Seavia, catro hórreos (Nogueira, Marquiño, O Rodeiro e Nogueira) e dúas casas con cubertos e hórreo en Amboade. No lugar de Nogueira érguese a Torre de Nogueira de planta rectangular, resto dun antigo pazo, con escudos de Moscoso e Bermúdez, da que xa temos falado; e entre os lugares de Arixón e O Rodeiro está o Pazo dos Rodríguez-Arixón.