A asociación Vía Céltica da conta da aparición dun elemento artístico vencellado co mundo xacobeo nun templo senlleiro como o do Pico Sacro, o taqueado xaqués ou axedrezado.
Así o explica Manuel Amigo Ferreiro, «Ás veces, o patrimonio mellor gardado está á vista de todos, pero ninguén se parou a describilo. Iso é exactamente o que nos pasou no noso último traballo de investigación. Visitando a Capela de San Sebastián do Pico Sacro (Boqueixón), decatámonos de algo incrible: esta igrexa non está ben catalogada nin descrita nos rexistros oficiais. Mentres analizabamos o templo, descubrimos unha espectacular imposta xadrezada (axadrezado xaqués)».
«Este motivo medieval, símbolo indiscutible do románico xacobeo, pasou completamente desapercibido nas descripciones oficiais do templo. Sitúase xusto entre o arco triunfal e as columnas románicas, e o máis sorprendente é que continúa polo interior do baptisterio, marcando a unión perfecta entre o muro e a bóveda. Un auténtico tesouro artístico que acabamos de redescubrir» indica Amigo, quen recorda que este monte respira historia por todos os costados.
A poderosa Raíña Lupa
Conta a lenda que os discípulos do Apóstolo Santiago acudiron á poderosa Raíña Lupa buscando bois para trasladar o corpo do santo. Ela enviounos a este monte a sabendas de que estaba custodiado por un temíbel dragón e touros bravos. Milagrosamente, ao facer o sinal da cruz, o dragón rebentou e os animais amansáronse, conmovendo á raíña, quen se converteu ao cristianismo. Ademais do seu valor artístico e mitolóxico, este templo de orixe monástica (ano 904) foi un punto neurálxico de acollida para os peregrinos da Vía da Prata.
Para Amigo, comparte unha honra xeográfica e espiritual única: «xunto ao célebre Monte do Gozo da Vía Francíxena e ao Monte Pedroso da Vía Céltica, o Pico Sacro completa a triloxía dos tres montes sagrados que custodian Santiago». Desde estas tres cumes, os camiñantes divisaban por primeira vez as torres da catedral.
Amigo xa fixo referencia a este achádego na súa visita a Radio Xallas recentemente.



