A profesora dubresa Celsa Oreiro Bermúdez faleceu aos sesenta anos de idade. «Checha», que impartiu clases no C.E.I.P. Barrié de la Maza de Santa Comba, estivo vencellada á cultura e sociedade dubresa durante moitos anos.
Foi concelleira , tanto no goberno como na oposición, da corporación de Val do Dubra durante varias lexislaturas. Este martes, 8 de setembro, ás 13:00h celebrarase un funeral na igrexa parroquial do Divino Salvador de Bembibre (Igrexa do Pazo) e despois as súas cinzas depositaranse no panteón familiar.
Está sendo velada no Tanatorio Santa María de Bembibre, Sala 2. Ás 10 da noite deste luns, sairá do tanatorio para ser incinerada na intimidade familiar.
O concello de Val do Dubra decretou dous días de loito oficial. «“Checha foi unha muller que apostou pola nosa cultura, polas nosas tradicións e polo talento da xente de Val do Dubra. Deixa unha fonda pegada no noso concello” apuntan desde o concello.
No ano 2020, nunha entrevista en Radio Xallas, Celsa Oreiro falaba sobre a actividade política local: «Non é tempo perdido. A política é moi gratificante. Eu sempre a entendín como unha labor social». Desde aquí queremos expresar as nosas condolencias polo falecemento de dona Celsa Oreiro Bermúdez.



