Homenaxe a Begoña Caamaño na Praza da Quintana

A Praza da Quintana de Santiago de Compostela acolle este domingo, 17 de maio, o espectáculo ‘Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño’, a gran proposta da Deputación da Coruña para conmemorar o Día das Letras Galegas. A partir das 20:00 horas, a cita combinará música, poesía e audiovisual nun evento colectivo sobre a escritora, xornalista e activista homenaxeada este ano pola Real Academia Galega.

A deputada de Lingua, Sol Agra, destacou que a intención da institución provincial é converter a Quintana «nun campo da festa das Letras Galegas» cun espectáculo «dinámico, participativo e festivo» para celebrar a figura de Begoña Caamaño. A proposta contará coa participación de artistas e creadoras como Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, Faia Díaz e Tareixa Novo, The Vacas, Alba María, Caamaño & Ameixeiras, Andrea Nunes, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, A Banda das Crechas, As Tamborililás Transfeministas, Zeltia Irevire, A Pedreira, Uxía, Paz Francés, As Amigas e DJ Mil.

Ampla programación

O concerto central forma parte dun amplo programa de actividades que a Área de Lingua da Deputación desenvolverá ao longo do ano para divulgar o legado de Begoña Caamaño en toda a provincia. Sol Agra incidiu en que a vontade da Deputación é que a homenaxe «vaia máis alá da celebración do 17». Malia que se trata dunha «data chave», afirmou que «a nosa vontade é que Begoña Caamaño sexa lida, cantada e celebrada durante todo o ano».

A programación inclúe tamén a distribución das publicacións Begoña Caamaño, pequena biografía, Os fíos de Begoña, Begoñísimas e O transgredir das ondas entre centros educativos, bibliotecas escolares e municipais. Ademais, a Deputación entregará exemplares da novela Circe e o pracer do azul en bibliotecas e institutos con bacharelato. O programa completarase con contacontos ilustrados e musicados, obradoiros de lectura e escrita creativa e actividades en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A deputada subliñou tamén a importancia de achegar a obra e o pensamento da autora ás novas xeracións. «Queremos contribuír a que Begoña Caamaño chegue a todos os recunchos da provincia, porque a súa obra, o seu pensamento e o seu compromiso continúan sendo imprescindíbeis para entender o presente», asegurou.

A música terá igualmente presenza destacada no programa co proxecto Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, impulsado por Uxía Senlle xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec, que chegará a distintos concellos da provincia ao longo dos próximos meses.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos