Representantes do BNG de Santa Comba, Negreira, Brión, Ames, Rois, Padrón, Ordes, Trazo, Oroso e Vedra entregaron no Parlamento de Galicia un total de 2.410 sinaturas para reclamar á Xunta melloras urxentes no transporte público por estrada na contorna de Santiago.
A iniciativa, dirixida á Área de Mobilidade do Goberno galego, denuncia a “supresión e diminución da calidade dos servizos” nestes concellos e reclama actuacións que garantan unha mobilidade axeitada, considerada “necesaria para manter o rural vivo”.
Na entrega participaron representantes municipais e membros das direccións locais das dez localidades implicadas, acompañados pola responsábel comarcal do BNG. Foron recibidos pola deputada Saleta Chao e o deputado Paulo Ríos, que avanzaron que trasladarán esta demanda ao ámbito parlamentario mediante diversas iniciativas.
A recollida de sinaturas enmárcase na campaña “Transporte público e de calidade, XA”, coa que o Bloque busca visibilizar as queixas das persoas usuarias, especialmente das que dependen do servizo para desprazarse aos seus postos de traballo ou centros de ensino. Segundo sinalan, moitas víronse obrigadas a buscar alternativas ante o deterioro progresivo do sistema.
Entre as principais deficiencias detectadas, o BNG apunta a frecuencias insuficientes, horarios pouco adaptados ás necesidades da poboación, falta de prazas en determinadas franxas, supresión de liñas, cambios sen información previa, deficiencias no estado dos vehículos e carencias na atención ás persoas usuarias.
A formación nacionalista subliña que o transporte público é un servizo básico para garantir a vida no rural e advirte de que a súa falta obriga ao uso do vehículo privado, o que contribúe ao despoboamento e dificulta avanzar cara a unha mobilidade máis sostible.
Esta acción dá continuidade a outras iniciativas desenvolvidas a nivel local, como o debate das demandas en plenos municipais, e, segundo avanzan, terá continuidade con novas propostas orientadas a mellorar a calidade do servizo e adaptar os horarios ás necesidades da poboación traballadora e escolar.

