Belén do Campo, delegada da Xunta na Coruña, visitou este venres a Casa do Maior de Val do Dubra, onde puxo en valor as políticas do Goberno galego orientadas ao envellecemento activo, á atención de proximidade e á loita contra a soidade non desexada e o idadismo.
Durante a visita, destacou que este recurso ofrece atención próxima e adaptada ás necesidades das persoas maiores no ámbito rural. Na actualidade, o centro conta con catro usuarios e unha praza vacante, ademais dun apoio autonómico de 25.400 euros anuais, aos que se suman dez euros por persoa e día para o servizo de transporte.
Estivo acomapañada polo alcalde, Diego Luis Díaz, o tenente de alcalde, Antonio Negreira e polo portavoz do Partido Popular, José Manuel Varela Ferreiro e outros membros da corporación loca.
Do Campo lembrou que Galicia dispón de 160 casas do maior, que suman 800 prazas gratuítas. Na provincia da Coruña existen 56 centros repartidos en 27 concellos, con 280 prazas dispoñibles. Na comarca de Santiago, ademais da de Val do Dubra, funcionan outras tres en Boqueixón.

As casas do maior son recursos destinados a facilitar atención individualizada sen que as persoas usuarias teñan que abandonar a súa contorna habitual. Cada centro pode atender ata cinco persoas e ofrece servizos vinculados á manutención, hixiene e actividades de lecer e estimulación cognitiva.
A representante autonómica subliñou que estes servizos tamén favorecen a conciliación das familias, contribúen a fixar poboación no rural e dinamizan a economía local.
No transcurso da visita, Belén do Campo fixo referencia tamén ás dúas estratexias específicas impulsadas pola Xunta fronte á soidade non desexada e o idadismo. Segundo explicou, estas iniciativas buscan previr, detectar e actuar ante situacións de illamento ou discriminación por idade, co obxectivo de garantir unha vellez en condicións de dignidade e benestar.
A delegada salientou o servizo telefónico coa Cruz Vermella para acompañamento de persoas soas en todo o territorio e reafirmou o compromiso da Xunta co benestar das persoas maiores galegas.

