María José Ares Casal falou en Radio Xallas do recoñecemento que recibirá o vindeiro 6 de abril, a Medalla do Parlamento de Galicia, e tamén repasou a súa traxectoria política en Santa Comba.
Recibiu a noticia con “sorpresa”, pero expresou a súa ledicia porque “teño a honra de ir ao Parlamento de Galicia representando ao PP”, e asegurou que “esta medalla tamén é por Santa Comba”. Ten ben presente a súa participación (motivo do galardón) na Conferencia Mundial da Muller en Pequín con outras parlamentarias galegas.
E tivo moitas referencias a este municipio: “Non teño máis que agradecemento para o pobo de Santa Comba. É a miña patria política, onde criei os meus fillos e traballei”.
Entrevista a María José Ares en Radio Xallas
A política, a lealdade e o feminismo colaborativo
Lembrou a súa etapa no CEIP Barrié de la Maza, “onde fun inmensamente feliz”, e defendeu o “feminismo colaborativo” e a “lealdade” como sinais de identidade da súa acción política. Comentou a súa entrada na política, a histórica vitoria electoral de 1991, pero tamén a polémica vivida en relación coa moción de censura de 2008.
“Non podo entender o que se me fixo despois de perder a maioría absoluta. Eu non apoiei aquela situación. Creo que merecía outro trato que non se me deu. Pero en Santa Comba o tempo quitou e deu razóns”.
De todos os xeitos, Ares considera que “estar en política merece a pena por todas as cousas que podes facer pola xente, a pesar dalgunhas sorpresas desagradables”.
Tamén agradeceu a felicitación recibida polo alcalde Alberto Romar e tivo unha reflexión sobre os últimos comicios, despois de matizar que “Santa Comba é do Partido Popular”:
“Estas últimas eleccións foron un exemplo do que dixen. Gañou o actual alcalde (Alberto Romar) e seguro que non había traizoado a ninguén, e iso foi un plus que a xente valorou”.


