O alcalde de Val do Dubra, Diego Díaz Méndez, quixo aclarar que o caso de presunto acoso laboral polo que pide información o Partido Popular refírese a unha “discusión entre traballadores” e “non ten nada que ver con ningún membro do equipo de goberno”.
Tamén destaca que non ten coñecemento de “denuncia formal” e que, a día de hoxe, “nin a Garda Civil nin o Xulgado nos trasladaron nada”.
Plan Antiacoso e canal de alertas
En referencia a un escrito presentado por dous traballadores municipais que “aluden a un episodio dunha discusión no contorno laboral”, desde o goberno local informan que levan “desde o verán en comunicación coa empresa que xestiona a prevención de riscos laborais para a obtención dun Plan Antiacoso e a implantación dun canal para a xestión e resolución das posibles incidencias entre o persoal municipal”.
Díaz explica que seguiu as indicacións da secretaría municipal e que “eu mesmo, como alcalde, pedín o contacto da empresa á traballadora municipal encargada da seguridade e saúde do Concello de Val do Dubra para poder sacar adiante o protocolo”.
Segundo o mandatario, a concelleira de Igualdade encargouse de distintas xestións coa citada empresa. Nos próximos días estudarase a normativa elaborada na “Mesa de Negociación” e, posteriormente, procederase á aprobación definitiva do documento.

Falta de medidas en lexislaturas anteriores
O alcalde dubrés asegurou que todas as xestións realizadas estiveron encamiñadas “no meu compromiso e o deste goberno na protección de calquera traballador ou traballadora”.
Nesa liña, Diego Díaz manifesta que “as accións que eu realicei de xeito persoal sempre foron nesa dirección, evitando calquera conflito que se puidese ocasionar entre o persoal”.
Engade que desde o goberno local ofrécense “todas as posibilidades para que os traballadores poidan desenvolver as súas funcións nas mellores condicións”, o que é unha “cuestión complexa tendo en conta o clima que se vive dentro da Casa Consistorial desde hai moitos anos, sen nunca ter actuado, con enfrontamentos persoais entre diferentes traballadores”, citando diferentes escritos presentados en anteriores lexislaturas “sen que se tivese aprobado nos anos anteriores o Plan Antiacoso e de Igualdade, elemento obrigatorio desde o ano 2007”.

