Chichalovers aposta pola tradición e a innovación

Darío Capelo, copromotor xunto con Graciela Castro do proxecto Chichalovers, explicou en Radio Xallas a evolución persoal e empresarial que o levou a converter un produto tradicional nun negocio de éxito con forte pegada local. O emprendedor destacou que, tras anos afastado do sector gandeiro familiar, sentiu a necesidade de «poñer en valor o que levabamos facendo na nosa casa toda a vida», o que deu lugar á apertura da Carnicería A dos Capelo e, máis tarde, ao nacemento de Chichalovers.

Segundo relatou, a idea xurdiu ao observar a resposta dos clientes: «O 95% da xente que proba o noso chicharrón encantalle», tanto polo sabor como polo valor emocional que espertan estes produtos tradicionais. A oportunidade consolidouse cando atoparon un pequeno local na Porta do Camiño, en Santiago, que encaixaba coa filosofía dun formato sinxelo.

Darío Capelo en Radio Xallas

O papel clave de Graciela Castro e a creación da carta

Capelo subliñou o papel clave de Graciela Castro, que deseñou a primeira carta grazas ao seu coñecemento hostaleiro: «Ela elaborou a primeira carta sen probar os bocatas; probabámolos os demais e todos coincidían en que estaban boísimos». Tamén destacou a implicación do equipo e a aposta pola innovación continua, incluíndo o “Bocata do Chef”, unha proposta mensual creada por cociñeiros convidados.

Recoñecementos e acollida do público

O empresario puxo en valor a acollida recibida en Santiago e nos eventos aos que acoden coa súa food truck: «Sentimos o calor da xente desde o minuto un». Ademais, recoñeceu que os recoñecementos —como o Solete Repsol ou premios da Deputación da Coruña— supuxeron un impulso importante: «Ás veces estamos ata un pouco abrumados de tanto cariño e tanto recoñecemento».

Orgullo polo rural e valor do produto

Capelo defendeu tamén o orgullo polo rural e pola produción propia, que consideran unha garantía de autenticidade: «Temos unha riqueza aquí total e absoluta, non podemos esquecer as nosas costumes nin o que facían os nosos antepasados». Sobre o produto estrela, explicou que o éxito do chicharrón reside en coidar o proceso: boa materia prima, tempos axeitados e atención ao detalle.

Versatilidade gastronómica do chicharrón

Por último, destacou que a creatividade arredor do chicharrón é case infinita, tanto en carta como en eventos: «O chicharrón parece que dá igual o que lle arreboles, que todo lle queda ben». A fidelidade da clientela, tanto local como turística, confirma para el o sentido dun proxecto que combina tradición, innovación e identidade.

Chichalovers como movemento gastronómico e social

No seu paso por Radio Xallas, Darío Capelo explicou que Chichalovers é hoxe moito máis ca unha bocatería especializada en chicharrón. “Intentamos ser tamén un pequeno movemento social”, afirmou, destacando que arredor da marca se impulsan iniciativas gastronómicas, culturais e deportivas.

Vínculo co deporte e cultura: patrocinios e Onda Chicha

Capelo recordou que Chichalovers mantén un forte vínculo co deporte compostelán, como o patrocinio do equipo feminino de baloncesto e a colaboración co Obradoiro, para o que crearon a súa nova mascota, Chicha. Ademais son patrocinadores do Xallas feminino.

Tamén destacou o proxecto cultural Onda Chicha, co que ofrecen visibilidade a bandas emerxentes: “Permitimos que graven un videoclip profesional, teñan unha entrevista en radio e outra nunha revista dixital”. Cada mes escóllese unha banda e, en xuño, celebrarase o Chicha Fest na Sala Capitol.

Crecemento do proxecto e novos pasos

Sobre o crecemento da empresa, recoñeceu que o equipo continúa definindo se o seguinte paso será abrir unha segunda tenda física ou adquirir outra food truck: “Andamos constantemente dándolle ao coco”, sinalou. Con todo, defendiu un avance prudente e sostido: “As cousas fóronse dando pouco a pouco; o ideal é seguir esa liña”.

Produtos estrela e presenza en Madrid Fusión

O emprendedor xalleiro explicou tamén que, aínda que o chicharrón é o produto estrela polo seu tirón entre o público nocturno, o chourizo conserva protagonismo na praza da Abastos e en épocas como o inverno. Ademais, anunciou que a marca participará en Madrid Fusión, tanto coa identidade de Chichalovers como coa Carnicería A dos Capelo, algo que cualificou de “incrible para un proxecto que só leva un ano e medio”.

Un proxecto familiar impulsado polas redes sociais

O empresario admitiu a intensidade dunha actividade que involucra practicamente a toda a familia: “Ás veces temos que poñer límites, porque se non todo o día se fala de traballo”. As redes sociais, subliñou, foron decisivas no impulso do proxecto grazas ao labor de Graciela Castro, á que definiu como “unha crack da comunicación”.

Bo momento e fidelidade da clientela

Finalmente, recoñeceu que a clientela chega por múltiples vías —redes, boca a boca, eventos e mercado— e confirmou que o Nadal é unha boa época para a empresa. Pechou a conversa cun ofrecemento directo ao público.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos