20 persoas de Val do Dubra, Negreira, A Baña e Santa Comba participaron no programa de inserción laboral
O Concello de Val do Dubra acolleu esta mañá a clausura do Obradoiro de Emprego Rexenera 2024, un programa de formación e inserción laboral no que tomaron parte 20 persoas dos concellos de Val do Dubra, Negreira, A Baña e Santa Comba.
O acto contou coa presenza do director territorial da Consellería de Comercio e Emigración, Juan José Couce Prego, encargado de pechar oficialmente esta edición. Participaron tamén o alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, o alcalde de Negreira, Ángel Leis, o tenente alcalde de Val do Dubra, Antonio Negreira, a concelleira de Formación, Emprego e Relacións Veciñais da Baña, Vanessa Gil, e o concelleiro de Obras e Servizos de Santa Comba, Pablo Negreira. Xunto a eles estiveron presentes o equipo docente, o director do obradoiro e o propio alumnado.
O obradoiro desenvolveuse ao longo de varios meses con dúas especialidades formativas:
- Limpeza en espazos exteriores e instalacións industriais
- Pintura en edificios e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción
A través desta iniciativa, o alumnado obtivo o certificado de profesionalidade, unha titulación oficial que reforza a súa empregabilidade e abre novas oportunidades laborais. Ademais, os traballos realizados en instalacións e espazos públicos contribuíron á mellora e conservación do patrimonio municipal en beneficio da veciñanza.


