O alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz, solicitou o apoio formal dos concellos de Trazo, Tordoia, Ames, Santiago, Santa Comba, A Baña, Carballo e Oroso, nun escrito remitido a estes consistorios.
Nunha carta, desde o concello dubrés explican a situación que afecta a parroquia de Niveiro e propoñen que os concellos apoien unha moción (cunha declaración institucional) nos respectivos plenos na que manifesten “a súa firme e total oposición ao proxecto de instalación dun vertedoiro de residuos na Canteira Pedra Facha, no termo municipal de Val do Dubra”.
E tamén a adhesión á proposta de que a rexeneración da zona se realice “mediante un proxecto alternativo baseado na rehabilitación natural que xa seestá a dar e que non inclúa a creación do dito vertedoiro”.
O texto da moción tamén recolle o “apoio” e “vontade de colaboración” dentro das competencias dos concellos.