Considera que o portavoz do PP, Andrés García Cardeso debería dimitir polo caso dos móbiles e critica a cancelación do Entroido: “Non foi unha decisión acertada por parte da Concellería de Cultura que está xestionada polo BNG”. Defende a boa saúde do goberno aínda que hai “pequenas discrepancias”
O alcalde da Baña falou de varios temas en Radio Xallas que resumimos en varios titulares.
Cancelación do Entroido
“Non entendemos esa suspensión pero temos que respectala, estamos cogobernando e cada grupo leva as súas áreas e o BNG tomou a decisión de cancelar o Entroido”.
Rogos e preguntas do BNG nos plenos
“A veces sorpréndeme cando sae algunha cousa destas porque o final son cousas que se poden tratar de maneira interna e que, na maior parte das veces, teñen solución”.
“Creo que o pleno é para levar iniciativas, para facer fiscalización, non para este tipo de comentarios”
Goberno bipartito
“O grupo de goberno está forte, ainda que temos pequenos detalles pero estamos funcionando. Fomos dos primeiros concellos que aprobamos os orzamentos e o POS e estamos sacando cousas adiante”.
Balance do mandato
“Nós entramos con esa enorme deuda de máis de 1.800.000 euros. A día de hoxe temos ese tema prácticamente estabilizado. Estamos empezando a levar a cabo parte do noso programa electoral, cousa que non foi posible durante o primeiro ano e medio da nosa lexislatura, posto que estabamos nunha situación económica precaria. Temos os orzamentos aprobados, temos o plan de obras iniciado…”
Prioridades
“Queremos licitar a ampliación do Punto de Atención á infancia. Temos varias obras para licitar e tamén o abastecemento de auga”.
Dimisión de Andrés García Cardeso
“Visto que se abre xuízo oral pola desaparición de cinco teléfonos móbiles consideramos que a persona que representa gran parte dos veciños, non pode estar sendo parte da corporación e ao mismo tempo estar pendente dun xuízo onde o xulgado ve serios indicios de malversación por parte de don Andrés García Cardeso”.
Polígono Industrial
“É unha das bases tamén que levamos no noso programa electoral. Estamos pendentes dun plan de viabilidade. En SEA teñen prácticamente rematado ese estudio para saber as posibilidades e o custo da urbanización”.