O alcalde da Baña e portavoz do grupo socialista, José Antonio Pereira, solicitou a dimisión do exrexedor e portavoz do PP, José Andrés García Cardeso, ao ser inminente a apertura dun xuízo oral no xulgado do penal acusado un delito de malversación de caudais públicos, en relación coa desaparición de cinco teléfonos móbiles que custaron ao concello 6.585 euros.
José Antonio Pereira informou que tanto el como o Concello xa solicitaron a apertura de xuízo oral, “motivo polo que en calidade de alcalde e de portavoz do grupo socialista da Baña solicito a dimisión de Andrés García Cardeso como concelleiro e como portavoz do PP, ao non ser acorde que vostede represente neste Concello a gran parte da poboación deste municipio”, asegurou no pleno o actual alcalde.
Lembrou que despois da investigacións levadas a cabo pola Garda Civil e polo xulgado de Negreira, o xuíz atopa serios indicios dun delito de apropiación indebida e malversación de caudais públicos cometidos polo edil popular e por outra persoa das que non se facilitou o nome.
García Cardeso afirma que demostrará a súa inocencia
Andrés García Cardeso volveu insistir no pleno de onte que os móbiles están no Concello, que foron utilizados por persoal municipal e que no xulgado se demostrará a súa inocencia. “Podedes pedir a dimisión e o que queirades. O que pon o auto non é certo. Hai que esperar acontecementos, dirimirase todo no xulgado”, asegurou.
Cancelación do Entroido
Outra das cuestións polémicas foi a cancelación do Entroido, que foi introducido no pleno por Andrés García Cardeso(PP) que criticou a falta de comunicación e a falta de reacción que provocaron que se perdera esta celebración tradicional.
A tenente de alcalde e concelleira de Acción social, Mónica González, como responsable desta área, replicoulle ao portavoz popular dicindo que o día 7 de marzo se enviou un correo electrónico tanto ao alcalde como ao portavoz do PP a decisión de cancelar o desfile por motivos das inclemencias meteorolóxicas.
Mónica González dixo que dende MeteoGalicia informáronlle de que tanto para o día 8 de marzo (data prevista para o desfile) como para a seguinte semana non aconsellaban celebrar o desfile pola previsión de fortes refachos de vento. Ademais desta circunstancia, a tenente de alcalde recordou que ao estar de baixa a secretaria do Concello non se podían modificar as bases do Desfile, motivo polo que se decidiu cancelar o evento.
Unha decisión que foi criticada tanto polo grupo popular como polo grupo socialista, segundo deixou patente a concelleira Vanessa Gil, ao considerar que se puido celebrar outro día. “O proceso de tramitación non facía posible este cambio de datas ou de lugar de celebración”, segundo dixo Mónica González. O alcalde, José Antonio Pereira, tampouco ocultou a súa disconformidade: “Os veciños da Baña quedaron sen Entroido este ano cando a semana seguinte fixo un día espectacular”.