A nutricionista que prestaba servizo nos centros de saúde de Santa Comba e Negreira, e que tamén atendía a pacientes de Mazaricos e A Baña deixou de traballar nestas localidades.
O BNG organizou unha concentración en Negreira para “esixir a restitución” da nutricionista lamentando que a nova situación provocará desprazamentos a Noia ou Santiago.
«A Xunta decide, unha vez máis, recortar en atención primaria, neste caso, eliminando ás nutricionistas que están moi ben valoradas tanto entre as pacientes como no resto dos profesionais» lamentou a deputada Iria Carreira.
Os nacionalistas critican a redución de 95 a 45 nutricionistas nos centros públicos de Galicia e insisten en que provoca “unha fenda territorial enorme”.
Queixa desde Santa Comba
Pola súa banda, o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, trasladou un escrito á Xerencia do Sergas no que pide que se restableza o servizo denunciando que a decisión causa “un prexuízo nun servizo moi necesario”.
Romar pide que se volva coa situación anterior “para evitar desprazamentos e ter unha sanidade máis cercana cara a nosa veciñanza”.