O Bloque Nacionalista Galego instou á Xunta de Galicia a non autorización do proxecto de vertedoiro na antiga canteira de Pedra Facha, situada na parroquia de Niveiro, en Val do Dubra. A deputada Iria Carreira subliñou a preocupación da veciñanza, que se opón ao plan debido aos graves impactos ambientais, sociais e económicos que podería xerar. O proxecto, publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 13 de xaneiro, avivou a contestación social nos últimos meses.
Carreira destacou que o proxecto suporía un deterioro significativo na calidade do aire pola emisión de gases e malos cheiros, así como a contaminación do solo e das augas superficiais. Tamén advertiu do risco de prexudicar os cultivos e as explotacións gandeiras da zona, nas que destacan as 600 cabezas de gando vacún en Niveiro, fundamentais para a economía local. «A contaminación da auga e do solo non é menor, e pode impactar tamén no río Dubra e, a través del, no Tambre», afirmou.
Iria Carreira alerta de diferentes impactos
Segundo a deputada, o impacto non se limita ao medio natural, senón que afecta directamente ás condicións de vida das 300 persoas censadas na zona, distribuídas en nove núcleos de poboación. Entre os riscos sociais, destacou o incremento do tráfico pesado, a deterioración das estradas e un maior risco de infeccións pola presenza de residuos en descomposición. Carreira advertiu de que «o PP ten un serio problema coa xestión de residuos, coa falta de compromiso co medio ambiente e coa procura de alternativas máis sostibles».
Por outra parte, a parlamentaria lembrou a riqueza ambiental da antiga canteira, hoxe parcialmente rexenerada de forma natural e habitada por diversas especies de flora e fauna, algunhas delas escasas ou emblemáticas, como o lobo ou o raposo. «En 2025, a xestión de residuos debe ir máis aló de acumular lixo no monte e enterralos», engadiu.
O BNG reiterou que a Xunta debe priorizar un modelo de xestión máis responsable, respectuoso co medio ambiente e coas necesidades da veciñanza. Para o grupo nacionalista, esta é unha oportunidade para demostrar un compromiso real coa sustentabilidade.

