O Concello de Val do Dubra e a Asociación Medioambiental de Niveiro organizaron unha reunión informativa para abordar o proxecto de rehabilitación da canteira de Pedra Facha, onde se planea a creación dun vertedoiro.
Na sesión, explicáronse os posibles impactos ambientais e sociais do proxecto, así como os pasos administrativos necesarios, contando coa participación de técnicos municipais e expertos da asociación ecoloxista ADEGA, que ofreceron asesoramento legal e técnico.
Alegacións
A veciñanza poderá presentar alegacións de forma oficial ata o 24 de febreiro en calquera rexistro público. O Concello puxo á disposición da cidadanía un modelo de alegacións, dispoñible na súa páxina web e en formato físico na Casa do Concello. A exposición pública do proxecto rematará nesa data, momento clave para facer valer as reclamacións.
A concentración cacerolada prevista non se levou a cabo debido ás adversas condicións meteorolóxicas, pero desde o Concello e a Asociación animan á veciñanza a continuar participando activamente no proceso para defender os intereses ambientais e sociais da zona.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Asociación Medioambiental de Niveiro – Plataforma Niveiro Veciños a través do número 614 217 712.
Na xuntanza estiveron representados os tres grupos representados na corporación local, PSOE, Anova e Partido Popular.