A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou, no concello de Val do Dubra, na inauguración do obradoiro de emprego “Rexenera 2024” no que se formarán 20 persoas limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e en operacións auxiliares de revestimentos de construción.
Acompañaron á delegada os alcaldes de Santa Comba, Val do Dubra e Negreira, Alberto Romar, Diego Díaz e Ángel Leis e a concelleira de Formación da Baña, Vanessa Gil.
43 actuacións cunha achega de 412.000 euros da Xunta
A Xunta destina 412.000 euros para este obradoiro que terá unha duración de 9 meses. Neste tempo realizaranse 43 actuacións.
Segundo precisou Belén do Campo, en Val do Dubra pintaranse inmobles como a Axencia de Lectura de Rial, as gradas do campo de fútbol da Telleira ou as escaleiras da casa da Cultura de Bembibre, entre outros, e as alumnas e alumnos tamén limparán as beirarrúas, marquesiñas e contedores.
No concello da A Baña realizarán o acondicionamento e limpeza dos cinco lavadoiros públicos, ademais da limpeza de marquesiñas e beirarrúas; en Negreira pintarán tamén os pasos de peóns, a Casa da Cultura ou o campo de fútbol do Cepelo, entre outros, ademais da limpeza viaria de 10 rúas deste municipio.
Finalmente, en Santa Comba as actividades centraranse na limpeza viaria e no arranxo e pintado das fachadas dos locais sociais do Concello e da escola infantil municipal.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”.