A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou a Casa de Cultura de Bembibre, no concello de Val do Dubra, para coñecer a actuación de mellora da eficiencia enerxética deste inmoble.
A actuación contará cunha achega da Xunta de 114.000 euros ao abeiro da convocatoria de axudas plurianual destinada a impulsar a eficiencia enerxética nas infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais.
Belén do Campo estivo acompañada polo alcalde dubrés, Diego Luis Díaz, polo tenente de alcalde, Antonio Negreira e outros membros do goberno e tamén pola concelleira do PP, Rosa Parafita.
A representante do Goberno autonómico destacou que un total de 8 concellos da comarca de Santiago recibiron achegas do Goberno galego desta liña por un importe que supera os 875.000 euros.
Belén do Campo explicou que o obxectivo destas axudas “é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027”.