A portavoz de Industria do PSdeG, Patricia Iglesias, trasladou a preocupación que existe polo proxecto que afecta a antiga mina de Pedra Facha a unha comisión parlamentaria.
Na súa intervención, preguntou polo estado de tramitación do proxecto da canteira e alertou do risco de constituír “outro Casalonga ou outro Miramontes” as instalacións da parroquia de Niveiro, en Val do Dubra.
A parlamentaria socialista emprazou ao goberno galego a “frearlle os pés ás empresas mineiras especulativas e non sempre crer no seu relato”. Explicou que o proxecto terá importantes perxuízos para as vivendas, situadas a menos dun quilómetro, e ás explotacións gandeiras e agrícolas, situadas a 800 metros da antiga mina.
Patricia Iglesias lamentou que a Xunta “non escoita á veciñanza nin aos concellos que soportan a súa altivez” mentres converte á industria mineira nun “xigante con pés de barro” en Galicia pola súa falla de planificación.
Iglesias mantivo unha xuntanza co alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz e con membros da asociación veciñal de Niveiro, que se opón o citado proxecto.
“A Xunta cumprirá o que nos marque a normativa”
O Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, afirmou que os informes da canteira de Pedra Facha non saíron a información pública e avanzou que “a Xunta cumplirá, en todo caso, o que nos marque a normativa”.
Explicou que que “a obriga da Administración autonómica é a de tramitar, e para iso pediremos todos os informes necesarios e exixiremos o cumprimento de todos os requisitos establecidos na lexislación vixente, tanto dende o punto de vista mineiro como, por suposto dende o punto de vista ambiental”.
Fernández Vila incidiu que a Xunta non pode denegar unha tramitación e que as autorizacións non dependen “da discrecionalidade” goberno “senón que está suxeita a unha tramitación onde informan numerosos funcionarios obxectivos e expertos na materia”.
Rexeitou emitir opinións “sen informes obxectivos” e quizo deixar claro que a Xunta saca os proxectos a información públicia nunha fase temperá no momento, de maneira simultánea a pedir os informes sectoriais, e iso é moi importante dicilo”. E nese momentos os veciños poderán coñecer o proxecto e presentar as súas alegacións.