A Corporación da Baña aprobou por unanimidade a ordenanza municipal de ruídos e bonificar a licencia ao CPI San Vicente para as obras de melloras que se van a realizar.
Segundo o alcalde José Antonio Pereira(PSOE) a ordenanza é “unha esta ferramenta xurídica para poder defender á veciñanza” ante a proliferación de parques eólicos.
Na sesión celebrada tamén se acordou que un representante de cada grupo político (José Antonio Pereira, Mónica González e Andrés García Cardeso) representen ao Concello da Baña na Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre, co obxectivo sa súa disolución.
Por unanimidade acordouse bonificar o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (a licenza de obras) ao CPI San Vicente, que este verán quere pintar con fondos propios algunhas das dependencias do centro.
Mocións
Aprobouse unha moción do PSdeG solicitándolle á Xunta de Galicia unha maior financiación do servizo de axuda no fogar (SAF), co apoio do BNG e o voto en contra do PP.
E unha moción do BNG contra a construción de ALTRI, co voto a favor do PSOE e do BNG e a abstención do PP.
Por unanimidade aprobouse a moción presentada por Mónica González en nome da asociación Acougo solicitando para as familias acolledoras o recoñecemento de familias de especial protección e que os menores en situación de acollemento familiar teñan a condición real e efectiva de fillos ou fillas.
Todos os grupos votaron a favor de solicitarlle ao goberno central a urxente tramitación da Lei ELA, para axudar as persoas con esclerosis lateral amiotrófica e as súas familias.
No apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse pola iniciativa do goberno local para promocionar a feira da Baña, que se celebra o primeiro luns de mes. Tamén preguntou polas condicións para participar no xantar popular previsto para o 15 de xuño.
A concelleira Mónica González aclarou que poderán xantar gratis as persoas empadroadas na Baña de maiores de 65 anos (ou que os fagan este ano), e as que acrediten ser pensionistas, ter diversidade funcional ou familias con escasos recursos. O resto de asistentes deberán pagar 30 euros.