“Espero que non pasen estas cousas porque sería algo que nos faría pensar un pouco más alá dese pacto que temos” advirte o alcalde da Baña.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira asegura que foi “unha sorpresa” o voto en contra da concelleira do BNG, Mónica González con respecto á Relación de Postos de Traballo(RPT), despois de que se “conseguira” a abstención na comisión informativa previa.
«Temos un pacto de goberno coas áreas moi diferenciadas»
Pereira afirma que existe un “bo trato” na coalición de goberno pero “espero que non pasen estas cousas porque sería algo que nos faría pensar un pouco más alá dese pacto que temos”.
Nunha entrevista en Radio Xallas, o mandatario incidiu que sendo unha RPT “moi necesaria” e que foi “vista” por sindicatos e traballadores, non vai ser un “escollo entre o BNG e o PSOE”.
Sinalou que “temos ganas de co-gobernar” e que no executivo da Baña “temos un pacto de goberno coas áreas moi diferenciadas”.No que si houbo “consenso” foi no orzamento que foi aprobado.
Unha débeda elevada herdada
Outro dos asuntos tratados na entrevista “Na Encrucillada” foi a mala situación económica: “Encontrámonos un concello cunha débeda elevada que nos obrigou a pospoñer o noso programa electoral”.
O alcalde dixo que “as cifras desta macro-débeda son as que son e puxemos os datos enriba da mesa”. Pereira puxo varios exemplos deste “gasto descontrolado” cunha Festa Castreza con máis de 30.000 euros de gastos que “non tivo repercusión nos veciños” ou unha concellería de Deportes “coas partidas totalmente esgotadas”.
Critica á acción do goberno anterior de PP e Compromiso que “fixeron encargos sen fiscalización previa”. Falamos dunha débeda de 1,6 millóns de euros.
Parques eólicos Vilartoxo e Troitomil
José Antonio Pereira falou da boa relación coa Deputación e en contraposición “A Xunta de Galicia non fixo polo concello da Baña”.Neste 2024 pide “que nos deixen traballar”.
Outro tema tratado foi o dos parques eólicos. O rexedor agarda que os contenciosos presentados contra os proxectos de Vilartoxo e Troitomil permitan impedir estas actuacións.
“Non estou en contra das enerxías renovables pero sí desta imposición. Aquí hai una fragmentación de parques. Son un abuso estes parques eólicos sen sentido”.