A concelleira de Cultura, Celsa Oreiro e a concelleira de Igualdade, Tania Barcia presentaron a programación do “Outono Cultural 2023” do concello de Val do Dubra, que se desenvolve neste último trimestre de ano.
Unha ampla oferta que arranca o vindeiro 21 de outubro coa actuación de Magín Blanco e a Banda das Apertas, no auditorio de Bembibre desde as 20h e nun formato para todos os públicos.
O “Outono cultural 2023” traerá a María da Pontragha, Abe Rábade, Davide Salvado, Ghazafellos, Bea Campos, ou As Fillas Bravas.
Dinamizar a vida do concello
“Neste Outono Cultural 2023 quixemos apostar por dinamizar a vida do concello, con outros formatos para o ocio; alternativas para que a veciñanza se achegue ao auditorio municipal, tendo en conta que cada sábado haberá actividades para as familias e os adultos. Tratamos de crear ese habito de acudir ao teatro, a concertos musicais etc.” declarou Celsa Oreiro.
No eido da igualdade, a concelleira Tania Barcia, tamén quixo destacar “o compromiso do Goberno no recoñecemento a esta materia, incluíndoa dentro do programa cultural en datas sinaladas como pode ser na fin de semana do 25 de novembro, co espectáculo de Bea Campos, “Marcho que teño que Marchar” ou coa actuación das Fillas Bravas de Chévere, “O mito de Cassandra” o 16 de decembro. Así mesmo, tamén se poñen en marcha actividades concretas, como pode ser o proxecto que se acaba de iniciar man a man con Feitoría Verde, no que se abordará o papel da muller na loita contra o cambio climático”.
Compartimos o cartel destas actividades do concello de Val do Dubra


