O Concello de Val do Dubra e a Asociación Cultural Emigrante organizan un ano máis a festa Municipal “Emigrante 2023” dende o xoves 3 de agosto ata o sabado 5 de agosto.
O programa foi presentado esta mañá na Casa do Concello de Val do Dubra polo Alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz; a Presidenta da A.C. Emigrante, Mariña Bouzas e as Concelleiras de Cultura e Igualdade, Celsa Oreiro e Tania Barcia así como o Concelleiro de Deportes, Iván Barcia.
Festa da cervexa o xoves
As festas comezan o xoves 3 de agosto coa tradicional Festa da Cervexa, que neste ano celebra a súa XXXV edición e contará coa actuación dos grupos Leite con Jalletas e DJ Gabry Salgado.
Venres 4 de agosto
O venres 4, comezará cun acto oficial de inicio das Festas, o cal terá lugar diante da Casa do Concello ás 13.00 horas, no que participarán a Asociación de Mulleres Rurais de Val do Dubra e contaremos coa actuación do Grupo Regueifa.
Xa pola tarde teremos unha edición máis do JRAN PRIX: As peñas poderán desfrutar dunha serie de retos, tal e como se viña facendo noutras edicións, para logo rematares cunha cea organizada pola Asociación Cultural Emigrante en colaboración coa S.D. Dubra.
A partir das 11 da noite comezará a verbena coas actuacións da Orquestra Finisterre, Los Coleguitas e Disco Móbil Troula.
Sábado 5 de agosto
O sábado 5 comezaremos pola mañá co Torneo de Petanca, a Sardiñada na Carballeira do Campo da Feira de Bembibre e pola tarde Torneo de Xadrez (na carpa situada nas inmediacións da Casa do Concello) e o Espectáculo de Circo e Teatro Ghop! Ás 7 da tarde Torneo de Fútbol Emigrante entre a SD Dubra – SD Negreira.
O remate da Festa será sobre as 11 de noite coa actuación das Orquestras Furia Joven e Gran Parada.