Diego Luis Díaz collerá este sábado o bastón de mando grazas ao acordo chegado entre o PSOE e Anova. “Queremos demostrarlle a Val do Dubra que hai outro xeito de gobernar máis moderno” afirmou Díaz en rolda de prensa.
Indicou que os dous partidos comparten “un diagnóstico común” e que están diante dunha “oportunidade histórica” xa que “é a primeira vez que a esquerda suma unha maioría absoluta”.
O líder de Anova, Antonio Negreira será o primeiro tenente de alcalde. Criticou a xestión do PP pola “falta de transparencia” e pola “mochila de intereses particulares”.
Sinalou que “había un mandato dos veciños para facer un goberno de esquerdas” e apostou por “un traballo coral” entre as dúas forzas. Algo no que coincidiu Díaz:”Este será un co-goberno”.
Un programa de mínimos
Impulsaran un “programa de mínimos”, cunha repartición de tarefas “ao 50%”.
Entre as prioridades figuran o Plan Xeral, arranxo de pistas municipais, aprobaron o orzamento “canto antes”, un Centro de Día, a senda ciclo-peonil de Bembibre a Portomouro, etc…
Avanzaron que unha das medidas previstas é realizar unha auditoría das contas e da contratación do último ano de goberno do PP. Tamén realizarán un informe de viabilidade do Polígono Industrial.
Os socialistas encargaranse das áreas relacionadas coa administración xeral, urbanismo, medio ambiente, mobilidade, economía e facenda, turismo, igualdade, ou servizos sociais.
Os concelleiros de Anova coordinarán obras e servizos, educación, cultura, promoción do emprego, medio rural, patrimonio ou innovación.