O servizo de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vén de incorporar unha nova orientadora laboral para atender as demandas das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual que buscan traballo, ou pretenden mellorar o que teñen, nos concellos das comarcas de Ordes, Melide, Arzúa, A Barcala, O Sar e os concellos de Val do Dubra e Santa Comba.
Segundo informan desde a entidade a nosa orientadora, Elisa Fernández, “desprázase dúas ou tres veces á semana a estes concellos para facer seguimento das necesidades das persoas apuntadas na bolsa de emprego de COGAMI como tamén, para atender a aquelas que se incorporan por primeira vez ao servizo tras ser derivadas directamente polo Servizo de Orientación da súa Oficina de Emprego, por Servizos Sociais do seu concello ou mesmo acoden ao servizo pola súa conta”.
Bolsa de emprego de COGAMI
A bolsa de emprego de COGAMI contempla 564 persoas apuntadas, sendo o 58% homes e o 42% mulleres.Entre elas hai 48 de Santa Comba, 21 de Val do Dubra, 34 de Negreira, e 23 do concello da Baña.
Para poder prestar servizo a estas persoas, COGAMI dispón de varios puntos de atención que adoitan ser espazos municipais, como o centro sociocultural Fernando Casas de Novoa de Oroso, a oficina da Mancomunidade de Ordes, o concello de Cerceda, o centro social de Melide, o local da asociación Amarai de Arzúa, a Casa do Concello ou locais de Servizos Sociais de A Barcala, en Negreira, servizos sociais de Padrón, o edificio Multiusos Terra de Xallas de Santa Comba e as instalacións da asociación Avante de Val do Dubra.
Para contactar co servizo de Emprego de COGAMI, pode ser a través do teléfono 981 574 698 ou a través do correo electrónico sil@cogami.gal.