O gaiteiro e músico Emilio Lois, máis coñecido como Emilio da Baña, recibiu esta mañá, na Casa da Cultura da Baña O II Premio Daniel García Ramos, instituído polo Concello co gallo do Día das Letras Galegas para recoñecer o traballo en favor da lingua e da cultura galegas.
O acto estivo presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, quen estivo acompañado da concelleira de Cultura, Lorena Trillo, contou coa presenza do tenente de alcalde, César Ramos, de membros da Corporación e dun nutrido grupo de veciños e de veciñas.
“É unha persoa moi querida na Bañan onde formou a varias xeracións de bañense nas clases de gaita e de percusión” sinalou o alcalde.
Palabras de Emilio Lois
Emilio Lois, agradeceu o galardón, que fixo extensivo ao alumnado e a todas aquelas persoas que o acompañaron (e o seguen a facer) ao longo da súa traxectoria como gaiteiro. “Este premio non é so para min, senón para todos e todas os que estades aquí”, dixo Emilio Lois. O homenaxeado remarcou que “só fixen o meu traballo, aínda que foi fácil traballar aquí porque sentín sempre un gran apoio de toda a xente”.
Visiblemente emocionado, Emilio Lois tivo palabras de agradecemento para a súa muller e a súa familia e confesou que “en Santa Comba tocaba a gaita pero na Baña fíxenme gaiteiro”.
O acto rematou coa actuación dos Gaiteiros da Baña que interpretaron o Himno Galego diante da Casa da Cultura para continuar coa foliada ata a escultura de Daniel García Ramos.