O concello de Val do Dubra licitou a construción dunha nova piscina infantil e a mellora das instalacións existente.
O orzamento ascende a 91.913 euros e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 2 de maio.
Nova piscina infantil
Son dúas actuacións de relevancia. Por unha banda vaise a construír unha nova piscina infantil na mesma parcela onde se sitúa a piscina municipal, en Bembibre.
As instalacións de filtrado de augas e clorado serán independentes das existentes da piscina de adultos, polo que situaranse nun novo recinto nas proximidades da piscina e cunha zona delimitada para o acceso dos pequenos.
Melloras na piscina municipal
Con respecto a piscina existente, este proxecto servirá para o arranxo das humidades na sala de máquinas con diferentes melloras como a impermeabilización interior da sala, reparación do sistema de cloración, renovación da bomba de achique e outras accións.
Tamén están previstas outras melloras como un novo camiño de acceso, a restauración do axardinamento exterior da parcela e do peche perimetral da parcela ou a substitución da persiana do local de atención ao público.