O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o concello de Val Dubra, acompañado polo alcalde, José Manuel Varela Ferreiro, para comprobar as obras realizadas na contorna do miradoiro de Picoto de Arnexo.
O concello dubrés recibiu unha subvención de 30.000 euros para a mellora do acceso a este enclave natural.
O representante do Goberno autonómico animou a todos os alcaldes a solicitar a nova convocatoria para este ano que se abriu esta semana e que contará con 3 millóns de euros, triplicando o orzamento con respecto ao ano pasado.
Outras actuacións nas comarcas de Santiago e da Costa da Morte
Trenor lembrou que ao abeiro desta orde o ano pasado realizaronse obras no Concello de Dumbría de mellora da accesibilidade na pasarela da fervenza do Ézaro; no concello de Corcubión, de embelecemento na rúa Salvador Allende; no concello de Tordoia de recuperación do sendeiro de acceso á igrexa Anxeriz e o xeoposicionamento das rutas de sendeirismo; e a realizada no Concello de Val do Dubra. En total estes catro concellos das comarcas de Costa da Morte e Santiago recibiron máis de 119.000 euros para estas actuacións.
As axudas teñen como finalidade fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos en concellos para a consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Durante a súa intervención, Gonzalo Trenor puxo en valor a importancia da realización deste tipo de actuacións para poñer en valor a beleza do turismo rural na nosa Comunidade, apostando así por unha oferta turística de calidade, sen masificacións e con paisaxes salvaxes.
Neste senso, o delegado da Xunta destacou o potencial do turismo rural para estimular o crecemento da economía local. “Creemos firmemente que gracias ao turismo rural impulsamos a estas zonas a loitar contra a despoboación, a xerar riqueza e, por suposto, a manter as tradicións e a cultura gracias a cal seguimos visibilizando os produtos endóxenos da nosa terra, algo que nos permite chegar a todos os recunchos do mundo”.