Moito ambiente e diversión para recibir as súas Maxestades no concello de Val do Dubra. Melchor, Gaspar e Baltasar e toda a comitiva realizaron o percorrido entre o Campo da Feira de Bembibre e a Casa do Concello.

Utilizaron tres carrozas. Alí ofreceron a mensaxe tradicional, acompañados polo alcalde José Manuel Varela; antes de continuar ata o pavillón municipal onde conversaron cun feixe de nenos e nenas.

E non faltou a diversión con inchables, xogos e música. E ata fogos artificiais.Tamén houbo aliciente gastronómico a xeito de chocolate, roscón de Reis e churros.

Unha xornada estupenda cunha gran resposta popular que destacan desde o concello dubrés. Nas súas redes sociais enviaban esta mensaxe: “Dende o Concello de Val do Dubra queremos agradecer a todos e a todas @s que fixestes que esta noite máxica fose posible”.


