Foto-Cruceiro novo (BNG)
O BNG de Negreira rexistrou unha solicitude no concello pola que solicita que se indique o motivo de substitución do cruceiro da parroquia de Portor por un monumento novo “sen que se executara a restauración do existente, do que se descoñece a súa localización”.
Os nacionalistas esixen información sobre o paradoiro do cruceiro orixinal e saber se a actuación contou con permiso de Patrimonio e do propio concello.
O candidato do BNG , Xosé Ramón Blanco, denuncia este «atentado contra o patrimonio de Negreira» e esixe a «súa inmediata restitución».
«O cruceiro de Portor está declarado patrimonio público e as veciñas e veciños teñen que saber que pasou cun ben co que non se pode actuar con esta impunidade», sinalou Blanco.
Críticas ao goberno de Negreira
Neste sentido, cualifica de «incomprensíbel» a desaparición do cruceiro e a falta de información por parte do Concello á veciñanza que non ve razóns para a substitución do ben histórico por outro novo, sen que haxa unha explicación que indique a imposibilidade da restauración do monumento catalogado.
«As veciñas e veciños de Negreira merecen unha resposta e o coidado do seu patrimonio, que é herdanza dos que nos precederon e ten que ser tamén legado para as xeracións que virán», sinala Xosé Ramón Blanco ao tempo que anuncia que o BNG «non parará até saber o destino do cruceiro orixinal e esixir a súa recuperación para o patrimonio de Negreira».
«O deber do goberno municipal é conservar o patrimonio e non ser cómplice da súa desfeita, o que fai aínda máis incomprensíbel o silencio e a falta de resposta que rodea a desaparición do cruceiro», engade Blanco.