O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou esta mañá o impulso que a Xunta de Galicia está a dar aos coidados de proximidade dirixidos ás persoas maiores para que “vivan onde vivan poidan pasar esta etapa de acordo coas súas preferencias e necesidades”.
Díxoo na visita á unidade móbil do programa de Coidados porta a porta que durante as xornadas de hoxe, a do luns 17 e a do martes 18 de outubro estará estacionada no Campo da Feira de Bembibre, no concello de Val do Dubra.
Na súa visita estivo acompañado polo alcalde José Manuel Varela Ferreiro. Estes días sinalados os maiores de 55 anos recibirán atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.
PEDIR CITA NOS COIDADOS PORTA A PORTA
Soamente teñen que solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
Case 22.000 persoas pasaron xa polas unidades móbiles de Coidados porta a porta desde que no pasado mes de marzo comezaran o seu percorrido por todos os concellos galegos, agás as sete cidades.
Por medio de oito autobuses, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran. Este programa desenvolveuse por primeira vez de maneira piloto en 2019, cunha moi boa acollida entre os concellos e a veciñanza, de aí que este ano se recuperase e ampliase a todos os municipios .