Na inauguración do Congreso sobre o Reino medieval de Galicia o deputado de cultura da Deputación coruñesa Xurxo Couto asegurou que «chegou o momento de poñer fin á ocultación do Reino de Galiza».
Para Couto «hoxe é un día transcendental na nosa historia, porque este Congreso é o primeiro que se celebra sobre a nosa época medieval, esa realidade que a pesar do seu esplendor e das evidencias históricas de todo tipo, foi sistematicamente relegada e negada pola historiografía oficial e directamente ocultada nos materiais educativos e divulgativos”.
Foi na inauguración do Congreso sobre o Reino Medieval de Galicia que se desenvolve ata o vindeiro xoves no Museo do Pobo Galego e que pode seguirse no web https://reinomedievaldegalicia.gal/.
Estivo acompañado pola presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e o curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira.
Este último lembrou que «hoxe cúmprense 911 anos e 2 días da coroación de Alfonso VII, aínda infante, por parte do bispo Xelmírez e da que temos cumprida información na Historia Compostelá, e con este aniversario quixemos facer coincidir este Congreso».
Tras a xornada inaugural, o primeiro dos relatorios versou sobre «Historiografía catalana versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo», a cargo de Jaume Sobrequés da Universidade Autónoma de Barcelona; seguido das intervencións de Simon Doubleday da Universidade Hofstra de Nova York sobre «Historia de dúas fronteiras.
Algunhas reflexións sobre as relacións con Al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha de Galicia-León»; e de Pablo Díaz Martínez da Universidade de Salamanca sobre «Fontes e historigrafía do reino suevo. Unha relectura». Cada relatorio vai seguido dun coloquio moderado pola xornalista, Charo Lopes.