O Partido Socialista da Baña remitiu a esta redacción unha información do Decanato dos Xulgados (servizo común de atención á cidadanía e asistencia á vítima) no que se comunica que non existe ningunha causa xudicial aberta que afecte ao exalcalde e voceiro socialista, José Antonio Pereira Gil.
Deste xeito fan referencia a unha iniciativa, de setembro de 2021, onde os concelleiros César Ramos e David Gontán presentaban documentación diante da Fiscalía “por ser presuntamente constitutivos de delitos de prevaricación administrativa tipificado no art. 404 do Código Penal, e probas documentais de posible e delito de violación de secretos tipificado no art. 417 de devandito Código Penal”.
“Nin prevaricación, nin contratacións irregulares, nin nada de nada”
Meses despois desde o Partido Socialista afirman:”Nin prevaricación, nin contratacións irregulares, nin violación de secretos, nin nada de nada de nada. Nin rastro daquela trama cociñada por Compromiso por Galicia da Baña co Sr. Ramos como cerebro da operación.
Non se tratou máis que doutra desesperada montaxe dos que naquel tempo formaban parte da oposición e posteriormente entregaron a alcaldía ao Partido Popular do Sr. García Cardeso”.