Os representantes dos grupos políticos con representación na corporación municipal de Val do Dubra (PP, Anova, Tega, PSOE e Agrupación Dubresa Independente), asinaron unha declaración conxunta de rexeitamento ao acto vandálico sufrido nun coche do portavoz de Anova, concelleiro e ex-alcalde, Antonio Negreira Noya.
Neste texto explican que “os grupos políticos que conforman a Corporación Local do Concello de Val do Dubra acordan por unanimidade rexeitar publicamente o acto de vandalismo que tivo lugar na noite do pasado día 4 e na madrugada do día 5 polo cal o vehículo do Concelleiro D. Antonio Negreira Noya resultou danado”.
Tres rodas picadas do coche de Antonio Negreira
Os partidos políticos dubreses consideran “intolerable” que “calquera membro da corporación local sufra algún tipo de agresión ou dano por exercer a súa labor política ou pola súa ideoloxía”.
Aclaran que “todos os concelleiros están traballando polo ben do concello de Val do Dubra”.
Polo tanto “condenan de xeito unánime e sen matices calquera tipo de ameaza, coacción ou manifestación de violencia dirixida aos representantes dos partidos políticos”.
A pasada fin de semana ao coche de Negreira, que estaba aparcado na zona do Campo da Feira de Bembibre, pícaronlle tres rodas. Xa presentou denuncia na Garda Civil. Vincula este feito coa súa actividade política.