Val do Dubra contará cun viveiro de empresas. Así o anunciou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha xuntanza que mantivo co alcalde, José Manuel Varela Ferreiro.
O departamento autonómico achegará 240.000 euros, o 80% do investimento total. Trenor destacou a colaboración entre as dúas administracións e subliñou a importancia de que Val do Dubra sexa Concello emprendedor para lograr este proxecto “xa que é un dos aspectos que máis puntúa na orde de axudas”.
Nave de 390 metros cadrados
A iniciativa contempla a construción dunha nave para a creación dun viveiro industrial de empresas cunha superficie útil de 390,21 metros cadrados con seis naves contiguas, cinco para as actividades empresariais e outra para servizos comúns.
O representante do Goberno galego destacou que “a creación de viveiros industriais de empresas están dirixida aos novos empresarios para poñer en marcha as súas primeiras etapas de actividade”.
Trenor lembrou que a Xunta destina 1,5M€ a impulsar actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais para crear un viveiro industrial de empresas. Os apoios están dirixidos aos concellos, que deben ser titulares das naves. A axuda máxima será de 240.000 euros por solicitude.