A corporación municipal do concello da Baña acordou, por unanimidade e nunha sesión extraordinaria o nomeamento de Avelino Pousa Antelo como fillo predilecto deste municipio.
O alcalde, Andrés García Cardeso(PP), resaltou a “humanidade” de Pousa Antelo, que “sempre loitou polo realce de Galicia en todos os eidos”. E destacou o “compromiso coa cultura, coa lingua e con Galicia en xeral” que tivo o ilustre galeguista. “Pousa Antelo é un bo exemplo a seguir e un orgullo para o pobo da Baña e de toda Galicia”, concluíu.
O tenente de alcalde, César Ramos(Compromiso), considerou un “acto de xustiza” que o Concello nomee a Pousa Antelo como fillo predilecto, recoñecendo así o “seu traballo, a súa calidade humana, a súa loita continúa por un ideal vencellado sempre ao mundo do campo e da natureza, e a súa defensa da lingua e da cultura galega”.
José Antonio Pereira (PSOE) dixo que o de hoxe “era un gran día”, polo recoñecemento que se fai a “Lucho do Peto, cando se compren dez anos do seu pasamento”. Pereira Gil considerou ao homenaxeado como o “principal impulsor do sector agrario, que sempre estivo moi vinculado ao mundo da educación”.
Unha vez rematado o pleno descubriuse unha placa diante da casa de cultura, na que se lembra o nomeamento de Pousa Antelo como fillo predilecto da Baña.
Antes dun xantar de confraternidade, celebrouse unha acto diante da casa da cultura no que se lembraron e resaltaron as múltiples facetas de Pousa Antela. No acto, conducido por David Otero, interviñeron Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); Martiño Noriega, en representación do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas 'Mini'; Carme Varela, filóloga e escritora; e as fillas do homenaxeado, Nora e Xela Pousa. O alcalde, Andrés García Cardeso, escusou a ausencia do secretario xeral de Cultura, e leu un escrito remitido por Valentín García para este acto.
Non faltou a música do gaiteiro Emilio Lois, que interpretou o himno galego.Pola tarde, tivo lugar a presentación do libro “As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega”.