A Asociación do Ensino Profesional da Música e Baile Tradicional (AEPMBT) convoca para o domingo 6 de febreiro a xornada “En A ou en B. As problemáticas no ensino profesional da música e o baile tradicionais”.
O encontro tratará a realidade laboral, fiscal e asociativa no sector. Desde a asociación preténdese así poñer en común as eivas que se veñen tendo na profesionalización do sector, así como as experiencias positivas e negativas arredor do labor das asociacións culturais, os socios e alumnos e os propios traballadores.
En todos eles establecerase un diálogo aberto cos asistentes para resolución de dúbidas e achegas ao debate. A primeira mesa celebrará ás 10.00h despois da presentación das xornadas por parte da presidenta da AEPMBT, Rebeca Tallón e dos participantes e moderadores das mesas por parte de Emilio Lois e Manuel Cruces, membros da directiva.
Baixo o epígrafe “Profesionalidade e fiscalidade”, tomarán a palabra Serxio Martínez e Alfonso Landeira, asesores fiscais, Javier Blanco, xestor cultural, e Mónica González, con experiencia como concelleira de cultura. Despois dun breve descanso tocará tratar as “Problemáticas e funcións de cada unha das partes implicadas nas asociacións culturais”.
Nesta mesa participarán Iván García, animador sociocultural en entidade municipal, Montse Rivera, mestra en distintas asociacións, José Antonio Vieites, como alumno, e Xosé Covelo, como presidente de asociación cultural.
O evento terá lugar no local da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo) desde as 10h., dando remate ás 13.30h. A asistencia será libre ata completar aforo, aínda que debido á situación sanitaria requírese inscrición previa para asegurar o cumprimento das restricións vixentes no momento da celebración. Para confirmar a presenza deberá enviarse confirmación ao correo electrónico da asociación, asoc.prof.trad@gmail.com.
Nota de prensa da AEPMBT