FOTO ARQUIVO-
NOTA DE PRENSA DE COMPROMISO A BAÑA
A formación municipal de Compromiso A Baña vén de presentar unha moción de censura contra o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, despois de confirmar a negativa do rexedor a deixar o seu cargo, en favor dalgún dos seus compañeiros ou compañeiras de partido.
Na xornada de hoxe, o secretario local da formación galeguista, Cesár Ramos, e o portavoz do Partido Popular, Andrés García Cardeso, presentaron unha moción de censura na que se propón como novo rexedor bañense a este último.
Compromiso A Baña entende que os continuos desprezos á oposición do señor Pereira, xunto coa súa manifesta incapacidade para xestionar o concello “non deixan outra alternativa que optar por un cambio de goberno”.Compromiso A Baña subliña que “manter á fronte do noso Concello a unha persoa coa actitude autoritaria, déspota e antimocrática do actual alcalde sería un acto de irresponsabilidade”.
Desde Compromiso entendemos que a política municipal debe artellarsedesde o diálogo continuo entre a totalidade das formacións que integran a corporación. Porén, o feito de “non rematar coa incapacidade de negociación do señor Pereira, só provocaría un incremento dos problemas que ten o noso concello e, por extensión, dos que ten a nosa veciñanza”.
César Ramos salienta que “o concello da Baña non se pode permitir seguir nunha situación de inestabilidade provocada única e exclusivamente pola actitude dunha persoa”. Ademais, resalta que co ánimo de reverter a situación municipal, desde a formación verde convidouse ao alcalde en reiteradas ocasións en sesión plenaria “a deixarlle o seu cargo a algúns dos seus compañeiros de partido”, ao entender que ten demostrado que non posúe os coñecementos precisos para xestionar un concello e esa falta de capacidade levou a que en pouco máis de dous anos existiran ata catro informes da Valedora do Pobo reprobando a súa mala xestión, numerosas contratacións de dubidosa legalidade, práctica de políticas de favores e feitos susceptibles de constituír delito de revelación de secretos.