Preto dunha vintena de empresas recibiron hoxe no pazo vedrés de Vista Alegre a certificación SICTED que acredita a calidade turística en destino. Trátase dunha aposta do GDR Terras de Compostela por mellorar a experiencia dos visitantes coa vista posta en impulsar o turismo na contorna de Santiago como motor dinamizador do rural. O acto estivo presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e contou tamén coa presencia do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Hoteis, casas de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues, restaurantes, axencias de viaxes, artesáns, empresas de turismo activo, taxistas e empresarios que impulsan o turismo industrial e que se atopan espallados polos nove concellos do rural nos que actúa o GDR Terras de Compostela xa poden lucir o selo do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED), unha metodoloxía que busca “ofrecer unha atención excelente e homoxénea en todo o territorio, coidando os pequenos detalles, para converternos en destino turístico de calidade”, tal e como salientou no acto de entrega dos diplomas Guarina Rey, presidenta do GDR.
O SICTED é un proxecto impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios de Provincias (FEMP). Guarina Rey lembrou que Terras de Compostela foi en 2019 a primeira comarca rural da provincia da Coruña e a segunda de Galicia en apostar polo SICTED e que o sistema inclúe a todos os profesionais vencellados ao sector coa fin de aumentar a satisfacción dos viaxeiros para que queiran volver e recomenden o destino. Hoxe entregáronse os diplomas ás primeiras empresas que remataron a súa formación.
“Que todos teñamos un obxectivo común e que nos esforcemos cada día por ser mellores e ofrecer o mellor servizo fainos máis fortes. Pola nosa experiencia, podemos dicir que os praceres sinxelos e bo trato son en moitas ocasións máis importantes que os atractivos turísticos rechamantes”, sinalou Nieves Millán, responsable das cabanas de Enoturismo María Manuela, quen falou en nome dos homenaxeados.
Máis alá do Camiño de Santiago, o GDR Terras de Compostela confía en sacar partido do poder de atracción da cidade do Apóstolo para que os visitantes se animen a coñecer os concellos limítrofes posicionándose como un destino fluvial e de natureza. No marco dunha intensa campaña de promoción turística, o acto de hoxe contou coa presencia do blogueiro Isaac Martín, autor de Chavetas, blog de viaxes que se conta entre os de de maior tráfico de España. Isaac compartiu os seus coñecementos para captar clientes a través de internet e as redes sociais.
As empresas que hoxe recibiron a súa acreditación no proxecto SICTED son:
1. O Balado, de Boqueixón
2. Pazo de Vista Alegre, de Vedra
3. Parada de Francos, de Teo
4. Albergue Milladoiro, de Ames
5. Albergue Bergando, de Negreira
6. Casa do Ghabino, de Santa Comba
7. A Carballeira do Tambre, da Baña
8. Enoturismo María Manuela, de Boqueixón
9. Casa de Casal, de Boqueixón
10. Casa Rural As Bentinas, de Ames
11. A Ribeira do Tambre, da Baña
12. Hotel Congreso, de Teo
13. Hotel Balneario Compostela, de Brión
14. Taxi Juan, de Santa Comba
15. Viajes Alma Gaia, de Ames
16. Amextreme, de Ames
17. Balneario Compostela, de Brión
18. Augardentes de Galicia, de Vedra
Outra ducia de establecementos estanse a formar este ano.