O trío Alborada tiña claro que non quería perder o contacto coa xente e tamén poder subsistir nestes tempos complexos e cheos de incertezas. Un dos compoñentes Alberto Suárez falou (e actuou) en Radio Xallas da estupenda iniciativa deste grupo.
“A cousa estaba crúa para sacar o escenario. Pensamos que sería bonito tocarlle á xente nas portas. Barallamos moitas ideas.Queríamos traballar e levarlle á xente algo de alegría. Escoitar algún aplauso”.
E montaron un “carriño autosuficiente electricamente”, equipado con dous bafles de 1.500 watios. E con toda a ilusión do mundo, Enrique Miramontes e Alberto Suárez colleron os micrófonos inalámbricos e fixeron un pasarrúas piloto polas rúas de Bembibre (Val do Dubra), co apoio do concello.
O coche conducido por José Manuel Suárez Nieto (que tamén canta de cando en vez cun micro incorporado), tira polo carriño, e camiñando e repartindo cancións e felicidade ian detrás Alberto e o veterano Miramontes. A proba funcionou.“Podemos ir cantando o noso repertorio polas rúas, saudando a xente que está nas fiestras, polas eiras e rematando cunha pequena actuación” comenta Alberto Suárez. Agora xa teñen varias datas pechadas e están abertos a novas contratacións.
Agora teñen este formato “móbil” xunto co espectáculo habitual do trío Alborada.
Poden escoitar a entrevista completa a partir do minuto 15 deste audio