Amplo repaso que fixo o mandatario de Val do Dubra na sintonía do programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, e que se pode escoitar no seguinte audio desde o inicio do podcast.
José Manuel Varela fai un balance positivo destes dous anos de lexislatura:”Encontrámonos un concello nunha situación caótica, cuns orzamentos prorrogados desde o 2015, infinitas facturas sen pagar e axudas non solicitadas.Puxemos o concello ao día, elaboramos o orzamento, acabamos o 2020 coas facturas ao día. Agora a cousa vaise perfilando”.
Balance positivo
E a continuación enumerou distintas xestións e actuacións. O impulso ao Polígono industrial, a xestión dunha axuda de 400.000 euros do IDAE para a renovación para a renovación do alumeado, o convenio para a brigada medio ambiental, a adquisición da simbólica fábrica da Telleira que se convertirá nun viveiro de empresas ou da antiga cámara agraria que xa é propiedade municipal.” Neste tempo superamos o millón de euros en axudas” suliñou Varela.
No seu amplo relatorio tamén citou o importante incremento de atención domiciliaria e de servizos sociais, melloras en camiños rurais, e actuacións en materia deportiva e cultura.
Boa sintonía no tripartito dubrés
O alcalde, do Partido Popular, destacou a boa sintonía que hai no goberno:”Temos un proxecto común, que Val do Dubra mellore e poder dar servizos ós nosos veciños.Hai unha relación inmellorable no grupo de goberno, e os veciños colaboran con nós. A política é dura pero é moi gratificante poder mellorar a calidade de vida dos teus veciños.Somos un tripartito, pero o obxectivo é común”.